Vence defende a substitución do administrador concursal de T-Solar
O portavoz nacional do BNG denuncia un caso claro de corrupción no que o administrador concursal boicotea as solucións
Na visita que o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, e a deputada nacionalista Tereixa Paz, realizaron hoxe aos traballadores e traballadoras pechadas nas instalacións de T-Solar Ourensa, o BNG non só quixo trasladarlles o seu respaldo as súas demandas. Tamén denunciou que o administrador concursal, boicotea as solucións que dan continuidade á empresa e está empeñado na súa liquidación.
Estamos vendo que o administrador concursal unha persoa cun interese espúreo, a favor da anterior propietaria da empresa, Isolux, e fai todo o posible para impedir que a empresa siga adiante en lugar de buscar solucións en positivo, asegurou Xavier Vence.
Segundo o portavoz nacional do BNG, o administrador concursal está absolutamente vendido aos intereses de Isolux. Diante desta situación, Vence defendeu que o primeiro paso necesario para dar saída ás propostas de compra por parte doutras empresas do sector, é quitar de enmedio a este administrador e facer un cambio inmediato para poder tomar as medidas axeitadas.
Xavier Vence demandou tamén o compromiso da Xunta para tomar esta decisión. A Xunta non pode mirar cara outro lado, senón que ten que involucrarse no futuro desta empresa, que é punteira e competitiva, destacou. No pode mirar cara outro lado diante da desaparición do tecido industrial, engadiu.
O portavoz nacionalista lembrou asemade que T-Solar recibiu moitas axudas públicas, preto de 64 millóns, que corren o risco de perderse, alertou. Neste liña defendeu que a Xunta tamén ten que esforzarse por salvagardar os recursos públicos.
Submisión do PP ao lobby eléctrico
O BNG denunciou que parte dos problemas das empresas que centran a súa produción nas enerxías renovables están nunha situación de desmantelamento debido ao parón destas renovables imposto polo PP, sinalou Vence, mediante diversas medidas, como impostos e limitación da produción de enerxía fotovoltaica para autoconsumo.
Ao seu xuizo, estas medidas limitan a expansión das empresas centradas nas renovables, que toman a decisión de deslocalizarse e non manter activas as factorías no noso país. Neste sentido considerou que ese parón imposto polo PP é froito da súa submisión ao lobby estatal das eléctricas, integrado especialmente por Endesa, Iberdrola e Gas Natural.
O BNG apoia as reivindicacións dos traballadores tanto polos postos de traballo como polo interese estratéxico que ten para Galiza contar cunha empresa cun proxecto innovador, cunha maquinaria e unhas instalacións modernas e competitivas. Non estamos falando de manter un dinosaurio, apuntou o portavoz.
Vence destacou que o Bloque seguirá impulsando iniciativas no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados para acadar que a Xunta se involucre na solución do problema de T-Solar.