Sexta reforma financeira: un novo paso para sanear as perdas privadas con cartos públicos
Nova -sexta- reforma do sistema financeira no Estado. Foi hoxe ao Pleno levada polo Goberno do PP e como as anteriores contou co voto contrario do BNG. A filosofía de fondo é a mesma que as 5 anteriores, claramente fracasadas: transferir fondos públicos para sanear as perdas do sector privado. O Estado leva inxectados 118.000 millóns de euros na banca privada sen ningún éxito. "Usan o Estado como enfermería do sector privado", denunciou na súa intervención ante o Pleno o portavoz do BNG no Congreso e candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.
Jorquera preguntou ao ministro De Guindos que máis ten que pasar para que o Presidente do Goberno compareza nesta Cámara? que ten que ocorrer para que se cre unha Comisión de Investigación? Para que se diriman responsabilidades políticas e penais no escándalo de Bankia?.
O Estado xa inxectou 118 mil millóns de euros no sector privado. E con que resultados? Nen saneamento nen crédito
O tamén candidato do BNG á Presidencia da Xunta dirixiuse deste modo ao Ministro de Economía na sesión plenaria no marco do debate do Real Decreto-Lei sobre saneamento e venda dos activos inmobiliarios do sector financeiro.
Outro paso na dirección errada
O portavoz do BNG lembrou que estamos ante a sexta reforma financeira, a segunda do seu Goberno e seguimos vendo a mesma película proxectada unha e outra vez sen que melloren as secuencias. Jorquera deixou claro que o BNG discrepa profundamente deste Decreto, é outro paso na dirección errada porque non se aborda ningunha das causas reais da crise do sector.
Ademáis, puntualizou que este decreto ficou obsoleto. Salientou que en todo este periodo o Estado español inxectou 118.000 millóns de euros na banca privada, e cal foi o resultado? Nen sector financeiro saneado, nen crédito. Algo que este decreto agravará, igual que conducirá a máis concentración e centralización do sistema financeiro, o que levará a Galiza a perder definitivamente institucións imprescindíbeis.
Queremos unha Banca Pública Galega, non un banco público con data de caducidade como trampolín para a privatización
Jorquera reprochou a De Guindos que incidan na política de socializar as perdas e privatizar beneficios, usan o Estado como enfermería do sector privado. Afirmou que o BNG discrepa deste modus operandi e por iso defendemos a creación dunha Banca Pública pero non un Banco Público con data de caducidade como vosté propoñen para logo vendelo ao sector privado.
O portavoz do BNG expresou o desexo de que cambien o rumbo das súas reestructuracións financeiras que se demostran fracasadas e ineficaces, por iso imos votar en contra.