O PP veta o debate sobre á creación da Comisión de investigación de Angrois
Francisco Jorquera anuncia que o BNG levará todas as veces que sexa preciso, e a través de diferentes iniciativas, reclamar que se constitúa a comisión
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera amosou hoxe o seu malestar ante o veto do Partido popular a debater no vindeiro pleno a creación dunha comisión para investigar as causas do accidente de Angrois, petición conxunta do BNG e AGE.
Esta petición, dixo, tras a Xunta de portavoces, xa foi debatida en dúas ocasións nas que o Partido popular votou en contra e lembrou que o propio PP en lexislaturas pasadas rexistrou e incluíu en pleno ate en tres ocasións unha comisión de investigación cando o grupo popular estaba na oposición, naquel momento, afirmou Jorquera, non houbo ningún impedimento por parte dos outros grupos pero agora, o Partido popular usa a súa maioría absoluta para vetar o debate.
Polas vítimas e afectad@s do accidente ferroviario é preciso investigar o acontecido en Angrois
Jorquera explicou que o BNG incluíu a proposta para investigar as causas do accidente de Angrois ante novos datos que esixen esclarecer o acontecido e entre os que destacou: a advertencia do xefe de maquinistas de Ourense sobre o perigo da curva de Angrois e a insuficiencia de medidas de seguridade que desmonta a tese de Adif e do Ministerio de Fomento sobre a ausencia de queixas formais sobre o trazado, ese aviso que chegou a dez cargos de Renfe pero non o tiveron en conta. Ademais, deputado tamén fixo referencia ao informe do ano 2002 que alertaba dos riscos da curva de Angrois ao que sumou o auto do xuíz acusando ao Adif de regatear na seguridade para primar intereses comerciais.
Recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE
Por outra parte, na sesión plenaria tamén será debatida a proposta do BNG para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade polo Parlamento galego contra a LOMCE, por invasión competencial .
O deputado denunciou que a finalidade da LONCE non é outra máis que impedir que o ensino se adapte ás diferentes realidades do Estado español e recentralizar a educación.
Para o parlamentario nacionalista, a LOMCE afectará negativamente ao ensino das linguas propias , contidos curriculares, xestión de recursos económicos, avaliación do alumnado e pon en práctica a afirmación do Ministro Wert, coa LOMCE o que se pretende é españolizar aos alumnos galegos e galegas por esa razón, o BNG rexistrou a solicitude para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra unha lei retrograda e invasora das competencias galegas.
Fronte ao pucheirazo do PP coa reforma da lei electoral, o BNG quere profundizar na participación democrática
Sobre esta cuestión, o portavoz do grupo nacionalista avanzou que no vindeiro pleno e, a iniciativa do BNG, será debatida unha proposta sobre a reforma da lei de Iniciativa lexislativa popular co fin de axilizar o proceso de participación democrática ampliando o universo das persoas que inicien unha ILP a todas as persoas maiores de 16 anos, reducir a 10.000 o número de sinaturas contemplando tamén as recollidas electronicamente e reducir a un mes o prazo dende a presentación da iniciativa ate o seu debate .
Por outra parte o grupo parlamentario defenderá a petición do cese da Conselleira de Sanidade por abuso de poder e o indulto para os dous sindicalistas, Carlos Rivas e Serafín Rodríguez condenados por defender os dereitos do traballadores na folga do transporte
Na quenda de preguntas ao Presidente, Jorquera pedirá que Núñez Feijóo se pronuncie sobre a reforma do aborto impulsada polo Ministro Gallardón e que pensa facer para que as mulleres no teñan que verse obrigadas a abortar en Portugal.