Se o PP non rectifica, o BNG emprenderá accións xudiciais contra Jesús Vázquez
Jorquera inicia a sesión plenaria cunha cuestión de orde para denunciar a recente entrevista do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez na que afirma que Los que se oponen al decreto del gallego non son demócratas"
O portavoz do Grupo parlamentario nacionalista reclamou o amparo da Mesa do Parlamento ante as recentes declaracións de Jesús Vázquez das que dixo, atentan contra o respecto aos parlamentarios e parlamentarias desta Cámara e acusa aos que se o poñen ao decreto do plurilinguismo de estar fora do sistema democrático e apoiar a grupos terroristas.
Francisco Jorquera esixiu ao conselleiro de Educación, retractarse na Cámara destas declaracións por inxuriosas e non de ser así, anunciou, queo Bloque Nacionalista Galego emprenderá de inmediato accións xudiciais contra o Sr. Jesús Vázquez.
O PP tumba a proposta de lei do BNG para a Normalización de usos sociais e públicos da lingua galega
Tras a intervención do portavoz parlamentario, a deputada do BNG, Ana Pontón defendeu a toma en consideración da Lei de Normalización de usos sociais e públicos da lingua galega.
A parlamentaria asegurou que necesitamos leis que afiancen dereitos sociais e colectivos que establezan, con claridade, os pasos que hai que dar no proceso normalizador porque, ao seu xuízo, durante estes trinta anos, a Xunta non actualizou nin modernizou o ámbito lexislativo, vostedes, dixo, queren ter como peza de museo a normalización lingüística.
Para a deputada, a proposta de lei nacionalista, é unha oferta en positivo para ampliar e mellorar o mandato que establece o propio Estatuto de Autonomía no que atinxe á obriga dos poderes públicos a levar adiante o proceso de normalización da lingua galega.
Pontón afirmou que a proposta do BNG tenta poñer en marcha medidas contra a discriminación do galego elevando a lei á xustiza e ao propio plano do que establece a lei para etapa de educación infantil, ensino obrigatorio e universitario así acadar a regulación do idioma galego na sanidade, nos medios de comunicación e nas empresas que oferten servizos en Galiza, sen prexuízo de que empreguen outras linguas oficiais.
O galego non precisa palabras de amor, quere feitos que demostren que ese amor é real
Esta proposta, asegurou , está reflectida nos principios do plano de normalización lingüística para ampliar a cobertura legal porque a lingua galega, dixo, está nunha situación crítica e é preciso actuar, non queremos máis declaracións de amor do PP para a lingua galega, a lingua non necesita palabras de amor, necesita feitos que demostren que ese amor é real, sentenciou.
Na votación, o Partido popular rexeitou a proposta nacionalista que contou co apoio de AGE e PSdeG para a súa toma en consideración.
Pontón lembrou que a iniciativa do BNG ía destinada a parar a política linguicida do PP, dun goberno dixo, que é o primeiro que en trinta anos goberna en contra do galego, que provoca unha regresión maior da que xa existía e dinamitou todos os consensos, deberían vostedes estar avergoñados concluíu.