Jorquera: Sector Naval e Novagalicia Banco, cuestións de Estado para Galiza
O nacionalista acusa a Feijóo de mandar aos alcaldes cunha pancartiña a Madrid e ofrecer Novagalicia Banco como agasallo de Papá Noel á Banca española
Pleno-. Na quenda de pregunta na sesión de control ao Presidente da Xunta, o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera volveu preguntar a Núñez Feijóo qué vai facer ante a venda de Novagalicia Banco e co sector naval porque para o BNG, afirmou son dúas cuestións de Estado para Galiza.
O deputado lembrou que os datos do paro confirman un ascenso coa destrución de 5.000 empregos en Galiza nun só mes mentres en España baixa o desemprego, situación. Para que o Presidente, experto en escapismo no saía por peteneras falando do paro en Villanueva del Pardillo ou Bollulos Par del Condado, dixo, explicou Jorquera, o BNG reiterara a súa pregunta Sr. Feijóo: Cáles son previsións do Goberno galego con Navantia e Novagalicia Banco?.
O portavoz do BNG asegurou que Galiza necesita de crédito que financien a súa economía e o Sector Naval resulta estratéxico porque se morre o Naval, morre Ferrol.
Vostede non ten capacidade nin vontade e confunde ser Presidente con ser xefe dos informativos ou un tertuliano do Foro Alberto da TVG, espetoulle Jorquera a Feijóo.
Ademais, na súa intervención criticou que o Presidente da Xunta enviara aos alcaldes populares e cargos institucionais a Madrid cunha pancartiña mentres segue sen exercer como máximo mandatario en Galiza e non reclama ante o Goberno central que non sexa enterrado o noso Sector naval, demande a participación da Xunta para corrixir esta situación dotando de autonomía os estaleiros de Ferrol.
Jorquera asegurou que o Goberno central actúa de axente comercial de Repsol e Gas Natural en Arxentina, para que logo encarguen os gaseiros a Corea e Xapón.
Novagalicia Banco, agasallo de Papá Noel á Banca española
O nacionalista lembrou que no último pleno, Feijóo afirmou que aspiraba á solvencia e compromiso da entidade con Galiza pero os datos que imos coñecendo confirman que a venda será un agasallo de Papá Noel á Banca española, un agasallo a costa de diñeiro público e aforro de todos os galegos e galegas.
Na quenda de réplica e tras preguntar Feijóo polo proxecto económico do BNG para Galiza, Jorquera respondeu que as preguntas de control formulas o grupo parlamentario, non o Presidente á oposición.
Esixiu vostede, preguntou, o levantamento do veto a Fene, o levantamento das restricións á construción naval civil, qué foi dos seus compromisos de centros de reparacións navais e do dique flotante, que foi do flotel, Sr. Feijóo?
Polo que respecta a Novagalicia Banco, o parlamentario advertiu que o comprador poderá descontar até 4.500 millóns de euros no pago de impostos e reiterou que o Estado non está obrigado a vendela pero o Presidente da Xunta parece que está moi interesado en facerlle un traxe a medida para a súa venda a un banco español facilitando condición máis favorábeis para os bancos que para os fondos.
Neste sentido preguntou se pensa entregarlle os nosos aforros a Botín, Francisco González ou Fainé, vostede a servizo de quén está?. Reclame a paralización da venda ou a sociedade galega lembrarao para sempre como un traidor ao seu País, concluíu