Jorquera: “Os Orzamentos non son expansivos nin críbeis, rezuman tufo electoralista"

Para o portavoz parlamentario: “Son os orzamentos dun goberno que sabe que está no fin do seu ciclo político”

 O deputado do BNG,Francisco Jorquera, tras escoitar a comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, reiterou que os orzamentos da Xunta “non son críbeis, rezuman un tufo electoralista e son regresivos” polo que anunciou que o BNG presentará unha emenda á totalidade.

Tras cuestionar que os orzamentos sexan “expansivos” cono defende o PP, Jorquera preguntou porqué a Xunta non esgota o límite de gasto se medra en 365 millóns e lembrou que no período Feijóo os recortes ascenderon a máis de 9.900 millóns de euros. Vostedes, dixo, orzamentan 69 millón menos que o límite de gasto non financeiro que aprobou este parlamento. Por outra parte, os ingresos aportados polo sistema de financiamento increméntase en 503 millóns sen embargo, “o incremento do gasto non financeiro é menor”.

O nacionalista asegurou que os gastos financeiros diminúen por mor do descenso dos tipos de xuro pero se sumamos os capítulos 3 e 9 (pasivos financeiros), explicou, os gastos da débeda ascenden a 1.598 millóns de euros, “un 5,5% máis que neste exercicio”. É dicir, gastaremos máis en débeda que en incremento do gasto non financeiro.

Rebaixas fiscais irreconciliábeis coa política expansiva

Sobre as anunciadas rebaixas fiscais, Jorquera preguntou sé é posible conciliar unha política expansiva no gasto coas rebaixas fiscais porque pode ocorrer o mesmo que cos orzamentos do Estado dos que a Unión europea xa advirte ao goberno que resulte das eleccións do 20 de decembro que deberá realizar un axuste.

Dende o BNG pensamos que para saír da crise son necesarias políticas anticíclicas, “non é conciliábel expandir o gasto, rebaixar os impostos e cumprir os obxectivos de déficit, do que tanto presume este Goberno”. Neste sentido, o nacionalista salientou que o Estado reservase o 78,6% e asigna ás CC.AA só o 10,7, unha de dúas, recalcou Jorquera, o se incumpre o déficit ou os orzamentos “son papel mollado, incluso antes de aprobárense”.

O parlamentario tamén criticou a falta de execución en exercicios anteriores, “no 2014 a execución non chegou ao 72% e das transferencias de capital ao 68%”, na consellería de Economía e Industria foi do 61%. No capitulo 7, apenas chegou ao 52,2%, o mellor, esa é a razón de fusionar as dúas consellerías, “agrupar nunha, boa parte do que deixará de executar a outra”.

Grandes mentiras, pequenas mentiras e logo están as estatísticas

Sobre o gasto social, Jorquera asegurou que grande parte nestas materia é gasto previamente comprometido no que o Goberno ten escaso marxe para actuar. Se atendemos a distribución o incremento en Educación é dun 4,8% e en Sanidade, un 4,4% o que demostra que o gasto das consellerías que soportan boa parte do gasto social, “medra por debaixo da media”, iso, si, afirmou, “o diñeiro destinado a altos cargos é delegados incrementase nun 5,6 %”.

O deputado tamén aludiu ao incremento polo sistema público-privado no novo hospital de Vigo, nun 200%.

Tufo electoralista

Para o deputado do BNG, as contas do 2016 rezuman “un tufo electoralista” e puxo como exemplo que o PP utilice a creba demográfica para instaurar o cheque bebé, “durante un ano”, debe ser, ironizou, que pasadas as eleccións a caída demográfica deixará de existir, mellor sería que apostaran por crear emprego estábel e ben remunerado, medidas para conciliar a vida laboral e familiar e reforzar a rede pública de escolas infantís.

 No que atinxe ao IRPF, chama a atención que en tramos de “rendas medias” vostedes elevan a presión fiscal. “Nas rendas de 20.200 a 33.000 euros o tipo é do 14% e agora pasará a ser do 15,5 ata os 27.700 euros, e do 17% ata os 33.000 euros, ou sexa, explicou Jorquera,aplícanlles subas de 1,5 e 3 puntos sobre o tipo vixente.

“Son os orzamentos dun goberno que sabe que está no fin do seu ciclo político”, aseverou o portavoz do grupo parlamentario do BNG.

Golpe do PP na CRTVG para perpetuar o partidismo máis alá da lexislatura

Jorquera cualificou de “mala práctica do PP” acompañar os orzamentos cunha lei “ómnibus” para modificar moitas leis en vigor como a de Medios Públicos de comunicación audiovisual de Galiza que establece a elección do director xeral da CRTVG por unha maioría de dous terzos. Agora, introducen unha disposición para que o director xeral continúe ata que se inicie a actividade da Corporación RTVG e engaden que “nese momento de non estar elixido o director Xeral , o exercicio das función corresponderá transitoriamente á persoa que fose titular da Dirección xeral da Compañía”. Para o deputado, a cousa está clara, o PP “abre a vía para poder prorrogar indefinidamente ao actual director xeral saltando o precepto de ser elixido no Parlamento por unha maioría reforzada”.

Jorquera lembrou que o BNG denunciou a renovación do Consello de Administración da CRTVG “feita a costas do Parlamento” e antes de aprobar o Acordo-Marco, agora, dixo, dan un paso máis e pretenden dar “un golpe na CRTVG para perpetuar o control partidista, máis alá da presente lexislatura”.