Jorquera entrega a Feijóo un paquete de medidas contra a corrupción
O deputado censurou o formato de comparecencia do Presidente da Xunta no que os grupos parlamentarios falaron dez minutos e Feijóo utilizou como plató de televisión
O portavoz do G.Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera censurou a intervención de Feijóo da que dixo pasou de puntillas sobre os asuntos máis espiñentos de corrupción que salpican ao Partido popular en Galiza e ao seu goberno. Vai acabar comparecendo a través dunha pantalla de plasma despois de utilizar o Parlamento como un plató de televisión.
Na súa intervención, o portavoz nacionalista anunciou que, a pesar do veto do PP que impediu presentar propostas aos grupos parlamentarios, o BNG faría entrega a Feijóo de seis medidas para a rexeneración democrática e loitar contra a corrupción.
O BNG esixe contundencia ante a corrupción
Baixo os epígrafes: Protección da representación pública da influencia dos grupos de presión, protexer as políticas e os servizos públicos, persecución efectiva dos delitos de corrupción, impulsar a transparencia ou aprobar o ditame da comisión non permanente contra a corrupción con medidas efectivas no plano político, institucional e normativo foron algunhas das achegas do BNG nunha sesión plenaria na que Feijóo non aludiu a ampla lista de imputados do Partido popular.
Vostede sacrificou a cabeza do director de Sogama para que non interferise neste debate o mesmo que fixo Rajoy con Ana Mato pero non actúan con contundencia ante os verdadeiros casos que afectan ao PP, recalcou.
Para o portavoz parlamentario do BNG , hoxe Feijóo tampouco deu explicacións das súas amizades perigosas con Marcial Dorado ou Pachi Lucas, polo que volveu preguntar que significa para Feijóo a transparencia e o impulso democrático,vetar a comisión de investigación sobre os cursos de formación?, utilizar o Parlamento de teatro para o seu lavado de cara?, paralizar a comisión de medidas contra a corrupción?. As súas propostas, afirmou, son fume e hai un refrán que di que non se pode poñer ao raposo ao coidar o galiñeiro.
Corrupción, é valerse da crise para chuchar ao de abaixo e engordar aos de arriba
Corrupción, insistiu é desamortizar o patrimonio público entregándollo aos Lobys privados, que o señor Juncker negocie ás agachadas coas multinacionais para que usen Luxemburgo como paraíso fiscal, que Bárcenas estea na rúa mentres vostedes instauran a cadea perpetua revisábel ou lexislar a favor das eléctricas cando a xente non ten para pagar a luz, para despois sentar nos seus consellos de administración a destacados responsábeis do Goberno.
Corrupción, tamén é que grandes empresas financien a algún partido a cambios de que estes gobernen por elas facendo de correa de transmisión dos intereses das elites económicas. Para rematar con esta lacra é necesario un cambio e nesa liña, van as propostas do BNG.
Está disposto preguntou Jorquera novamente a Feijóo a reverter a xestión privatizada dos servizos dependentes da Xunta, a rescatar a concesión da autovía da Costa da Morte? Porque esas son as prácticas coas que hai que acabar.
Esta disposto a acabar coas portas xiratorias? a reclamar endurecer o castigo penal para os casos de corrupción, impedir os indultos, agás por motivo de urxencia humanitaria, a independencia, publicidade e transparencia nas axudas a medios de comunicación privados, asegurar o cumprimento da Lei de transparencia, a celebrar consultas populares ou renunciar a modificar da lei electoral no seu beneficio, sí ou non?, concluíu Francisco Jorquera.
DESCARGA:
Propostas do BNG contra a corrupción.