Jorquera empraza a Feijoo a convocar eleccións en Santiago e cesar aos imputados
O portavoz do grupo parlamentario do BNG acusa a Núñez Feijoo de campión do escaqueo por non tomar decisións sobre unha situación que prexudica gravemente á cidadanía de Compostela
Na quenda de preguntas ao Presidente, o portavoz do Grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera urxiu a Núñez Feijoo a explicar a situación do concello de Santiago, tralas as imputacións do alcalde e edís do Partido popular por presuntos delitos de corrupción.
Para o portavoz do BNG, Feijoo debe iniciar a convocatoria de eleccións municipais e cesar ao alcalde e concelleiros do Partido popular pola súa imputación o que está a provocar a ingobernabilidade do concello de Santiago.
Núñez Feijoo, Campión do escaqueo
De campión do escaqueo definiu ao nacionalista a Presidente da Xunta por non explicar a que refería cando manifestou que non lle parecía normal o que estaba a acontecer no concello de Santiago, referíase vostede, inquiriu Jorquera, a que tivera que dimitir o número tres da candidatura Angel Espadas, látego do botellón sorprendido ebrio e durmido o volante e unha persoa recolocada como xefe de Gabinete por Conde Roa en prisión preventiva por diferentes delitos de corrupción?.
Ou referíase, engadiu, a dimisión como alcalde do propio Gerardo Conde Roa imputado por fraude a Facenda pública e posterior imputación por prevaricación e acoso a un policía local para modificar o atestado que comprometía a Angel Espadas.
Alcalde e Corporación imputados en presuntos delitos de corrupción
O nacionalista tamén aludiu as imputacións do sustituto de Conde Roa e actual Alcalde de Santiago, Angel Curra e á do seu xefe de gabinete, á do concelleiro de Tráfico, Albino Vázquez, á de de Educación, Rebeca Domínguez e a Juan de la Fuente tamén concelleiro.
Para Jorquera, a solución do PP, explicou, non é botar man do número 18 da lista porque a filla do candidato está empregada na galería investigada por presuntos casos de enchufismo nas contratacións de persoal.
Jorquera coincidiu, ironicamente con Núñez Feijoo en que o está pasando en Santiago non é normal e esa frase, dixo, é unha demostración da súa grande sagacidade.
Un concello incapaz de aprobar os orzamentos
Xa en ton máis sobrio, Jorquera afirmou que a situación política do concello de Santiago non é para tomar a broma e a imaxe que se está a transmitir, mesmo en medios estranxeiros, é a dun goberno incapacitado, sumido no caos e desacreditado, ademais de incapaz de aprobar sequera os orzamentos, un PP dividido, no que ninguén se fía de ninguén, aseverou.
Jorquera manifestou que non abonda que o Presidente da Xunta tente lavarse a cara neste asunto con declaracións como que non lle parece normal o que está a pasar en Santiago ou que o Sr. Bárcenas lle repugna, asuma vostede a súa responsabilidade como Presidente da Xunta e Presidente do Partido popular e inicie os trámites para convocar eleccións xa, concluíu.