Guillerme: "As eleccións están abertas, e se sobe o BNG Feijóo perderá"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, amosouse hoxe convencido de que “o 21 de outubro vai haber un cambio de rumbo en Galiza, porque somos moitos máis os que rexeitamos as políticas de Feijóo”. Para iso, subliñou que “a chave da derrota do PP está no ascenso eleitoral do BNG”.

Guillerme participou nun reparto informativo na Praza da Peregrina canda o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o candidato número 4 por Pontevedra, Luis Bará, entre outros.

“A esperanza do BNG fronte á desesperanza de Feijóo”

Previamente, o portavoz nacional salientou que “o 21 de outubro temos que elixir entre a desesperanza que representa o PP e Feijóo ou decidir a esperanza e o cambio de rumbo que representa o BNG”.

Asegurou que “o BNG está disposto a dar a batalla para facer realidade unha aspiración fundamental: o dereito a vivir e traballar na Galiza con dignidade”.

Guillerme precisou que “a estas alturas está claro que ou ben optamos por máis Feijóo, que é o mesmo que máis Rajoy e máis recortes e centralismo, máis desastre económico e social, ou apostar por un cambio de rumbo que representa o BNG”.

 

O partido está aberto, as eleccións non están decididas

Neste sentido, afirmou que “no BNG estamos convencidos de que somos moitos e moitas máis os galegos e galegas que queremos un cambio de rumbo e por iso o día 21 estou seguro de que ese cambio de rumbo vaise producir”.

“O partido está aberto, as eleccións non están decididas”, subliñou.

A este respeito, salientou que “a chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG, e por iso pedimos a todos os galegos e galegas que reflexionen, pensen e voten BNG”.

Contratos con PEMEX: Feijóo quere tapar con dous barcos o seu desastre co naval galego

Preguntado sobre os supostos contratos de PEMEX con estaleiros galegos para a construción de dous floteis, Guillerme ironizou que “parece que a solución dos tremendos problemas de Galiza vai ser a construción de dous barcos”.

Neste sentido, afirmou que “para que non sufra o señor Feijóo, por min e polo BNG oxalá se constrúan dous barcos nos estaleiros galegos”.

E é que, segundo o portavoz nacional do BNG, “o problema do sector naval galego é que se está caendo a anacos: en Ferrol porque existe un veto á construción naval civil e o PP non fai nada para levantalo, e porque non se constrúe o dique flotante; e no caso de Vigo, porque hai un taxlease e o señor Feijóo e o goberno de Rajoy son incapaces de petar na mesa para pedir condicións iguais para todos”.

“E isto -advertiu- non ten que ver coa “crisi” senón co desleixo do PP na Galiza e no Estado”.

“Nunca deron tanto que falar dous barcos: se esa é a solución dos problemas galegos, pouca solución haberá”, concluíu Guillerme.

 

 

http://youtu.be/DBkUAotIMgY