Feijóo chama tonto útil o BNG e Jorquera responde, en Galiza temos un presidente gilipollas
Jorquera acusou a Núñez Feijóo e PP de querer dar un pucheirazo legal para reter unha maioría que saben perdida na sociedade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo acusou hoxe o BNG de ser o tonto útil do PSOE por ter chegado a acordos municipais con esta forza política en pasados procesos electorais.
Pola súa parte, o portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera pediu ao tonto útil de Rajoy retirar a alusión ofensiva ao BNG ou se vería obrigado a dicir que Galiza ten de presidente un gilipollas. O bronco debate suscitado hoxe no Parlamento, obrigou á presidenta da Cámara, Pilar Rojo a solicitar de ambos lideres políticos a retirada das citadas expresións e obrigando ao Presidente a rectificar as súas palabras.
O PP quere ter unha maioría nas Institucións que sabe perdida na sociedade
Na súa primeira intervención, Jorquera lembrou que no ano 2005 na comparecencia do conselleiro da Vicepresidencia, o socialista Méndez Romeu, anunciou unha reforma electoral para resolver a paridade nas listas, a limpeza do voto emigrante e unha mellor proporción de escanos en cada circunscrición. Naquel momento, vostede,dixo o nacionalista, cualificou a proposta de fraude electoral acusando a socialistas e nacionalistas de utilizar a administración para beneficio dos seus intereses e esixiu que calquera reforma fose consensuada por todos, porque pretendo que a xente teña principios, chegou a afirmar.
Benvido Sr. Feijóo ao Club da República galega
Sobre a demanda do titular da Xunta para que goberne a lista máis votada, Jorquera lembrou a Núñez Feijóo que ten mala memoria xa que no ano 2006, defendía que se incluíra no novo Estatuto, a necesidade dunha maioría de dous terzos para modificar a lei electoral por unha cuestión de principios, vostede ten principios cando estamos ante unha reforma de eleccións ao Parlamento galego feita á medida do Partido popular e unha reforma que só apoian vostedes.
Na quenda de réplica, o nacionalista explicou que o sistema político español non é presidencialista porque é representativo. Unha República pode ser presidencialista ou non pero desde logo, recalcou, unha Monarquía non o é e se vostede pretende acabar coa Monarquía, ironizou, benvido ao Club da República galega.
Non engane vostede os cidadáns falando de escolla directa de alcalde porque iso non é o que propoñen, o que pretende o PP e impor na practica un sistema maioritario e acabar co sistema proporcional para blindar o bipartidismo.
Jorquera rematou acusando ao PP de formular propostas contrarias á rexeneración democrática e tentar reter con regras trucadas unha maioría que saben de antemán perdida.