Davila critica que se perpetúe o réxime monárquico e defende unha República própia para Galiza

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara Baixa para explicar a posición do BNG nun debate sobre a abdicación do Rei Juan Carlos moi limitado polo pacto establecido entre o PP e o PSOE.

“Deixan todo atado e ben atado”

A portavoz do BNG lembrou a posta en escena do anuncio de abdicación do Rei Juan Carlos na que se deixou claro que “todo estaba atado e ben atado”. Criticou a operación do bipartidismo que presentou no Congreso un escrito decantándose por un proxecto de lei en leitura única, “o que foi a mellor mostra de que vostedes accionaron o peche de comportas para que se perpetúe un réxime herdado da ditadura franquista”.

E puxo de manifesto que “até o de agora nunca houbo ocasión de pronunciarse sobre a continuidade monárquica de xeito libre e democrática”.

Así, lembrou que a reforma política da Transición non permitiu unha consulta popular directa sobre isto, porque foi integrado nun texto constitucional máis amplo. “Por esa razón, o nacionalismo galego non avaliou o que considerou unha fraude democrática”. Para Davila a Transición foi “deseñada e executada desde os poderes do réxime ditatorial”.

O BNG pón a Galiza no debate: “aspiramos a que Galiza teña unha República propia”

Davila puxo a Galiza no debate ao sinalar que “nacións como Galiza sofriron con forza as consecuencias negativas que emanaron desde o centralismo estatal”. “Un pais, puntualizou, que necesita desenvolver as súas proprias potencialidades, amparar e protexer os seus sectores produtivos, promover as políticas máis axeitadas para a súa poboación, que desde o BNG consideramos deben pasar porque Galiza poida ter a liberdade de decidir como nación que é, sen estar sometida ás veleidades dun modelo de estado esgotado”.

Afirmou con rotundidade que “desde as nosas convicións democráticas, como nacionalistas galegos, aspiramos a poder artellar unha República propria na Galiza”.

“Non poden mirar para outro lado: o modelo territorial está nunha grave crise”

A portavoz do BNG acusou ao PP e ao PSOE de escoller un modo de proceder “alonxado dos mínimos democráticos”, o cal non axuda a rematar coa desafección da cidadanía cara a política. “Como fixeron coa corrupción que campea polos dominios do PP e da que non se libra a Casa Real, contribuíron así a agrandar o burato da falla de credibilidade na política”.

Davila díxolle a Rajoy que “as presas de hoxe teñen un doble obxectivo: perpetuar o réxime monárquico e pechar calquer debate en profundidade sobre o modelo político e institucional, fortemente cuestionado pola apartura de procesos soberanistas que son xa imparábeis”.

Reprochou ao bipartidismo que “opte por mirar para outro lado e facer como na primeira Transición, barrer baixo a alfombra”. “Fraco favor lle fan á democracia encarando a abdicación partindo dun exercicio de abstracción da realidade político-territorial, económica e institucional actual”. E acusounos de “deixar pasar unha oportunidade histórica”.

Davila advertiu a Rajoy que “por máis que traten de negalo o modelo territorial está inmerso nunha grave crise”. Referiuse en concreto “á negativa a recoñecer o dereito a decidir das distintas nacións que compoñen o estado e que choca coa vontade da cidadanía que reclama soberanía política e dereito a decidir”. Para a deputada do BNG “é o momento idóneo porque hai procesos soberanistas moi avanzados pero vostedes prefiren repetir a historia de 1978”.

A portavoz do BNG aludiu ao proxecto de lei orgánica que “non só regula un relevo senón que afirma a continuidade dun réxime político e institucional que na actualidade está cuestionado por unha ampla maioría da poboación, debido á súa incapacidade para resolver os graves problemas económicos e sociais, e que ante a grave crise ofrece máis centralización e concentración económica”.

A PROPOSTA DO BNG DE REFERENDO CONSULTIVO

Olaia Fernández Davila rematou explicando as propostas do BNG contidas na emenda á totalidade con texto alternativo: “Defendemos a celebración nun prazo dun mes un referendo consultivo para someter á decisión democrática un novo modelo político e institucional no que se recoñeza a soberanía das nacións e o dereito a decidir, ademáis dun pronunciamento sobre a Xefatura do Estado”.

Para Davila “nesta conxuntura non é oportuno un simple cambio na figura

que ostenta a Xefatura do Estado”. “Para o BNG os pasos cara o futuro están claros e pasan polo inicio de procesos constituíntes nas nacións que compoñen o estado español, que aborde con valentía todas estas cuestións. O demais, o que vostedes están a facer, é simplesmente xirar na mesma dirección e actúan como cancerbeiros impedindo o paso ao ar fresco que se precisa”.