Campaña nacional do BNG: "Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión"
Baixo o lema Aborto libre e gratuíto. O noso corpo, a nosa decisión, o BNG despregará unha campaña por todo o país coa que se pretende informar e concienciar ao conxunto da sociedade para que saiba o que representa esta reforma do PP que lexisla contra as mulleres e nos coloca, en termos de seguridade sanitaria, peor que fai trinta anos, explicou a responsable de Acción Feminista da Executiva nacional, Saleta Chao.
Unha campaña que terá un pé na rúa e outro nas institucións, xa que o Bloque está a presentar iniciativas nos Concellos, no Parlamento e no Congreso e, ademais, sumarase a todas as iniciativas promovidas por colectivos e movementos socias, como as da Plataforma galega polo dereito do aborto.
O portavoz nacional, Xavier Vence, deixa claro que o BNG loitará para que esta lei retrograda e innecesaria non saía adiante no seu empeño de recortar un dereito das mulleres.
A continuidade do embarazo é unha decisión que compete exclusivamente ás mulleres e non podemos aceptar unha lei que coarta ese dereito. O aborto non é unha decisión fácil para ningunha muller, pero é a súa decisión e non se lle pode obrigar a ningunha muller a continuar cun embarazo que, polas razóns que sexan, non desexa, argumenta o dirixente nacionalista.
Vence subliñou que ese dereito ten que poder exercerse con garantías sanitarias e denunciou o cinismo do presidente da Xunta coas súas falsas críticas á proposta de Gallardón.
Debe garantirse nas mellores condicións sanitarias, polo tanto na sanidade pública, e non podemos aceptar que Feijóo queira erixirse en progre facendo críticas de cara a galería mentres, desde a súa chegada á Xunta, aplica unha batería de medidas que impide ás mulleres exercer este dereito poñendo trabas a aplicación do aborto na sanidade pública.
Hoxe temos en Galiza moitos hospitais que non prestan este servizo porque se encargou Núñez Feijóo de recortar medios e de facilitar que se negue ese servizo desde a sanidade pública. Unha sociedade do século XXI non pode retroceder ao século do XIX, nun dereito que as mulleres tardaron moito en conquistar, concluíu.
Delirio lexislativo
Neste mesmo punto incidiu a portavoz parlamentar en Igualdade e Servizos Sociais, Carme Adán, quen cualificou de delirio lexislativo a reforma de Gallardón, e avogou por manter unha lei de prazos como a que está en vigor en lugar de ser substituída por unha lei de supostos como pretende o PP, porque volve ás mulleres a unha situación de dependencia dos médicos, dos psicólogos e dos xuíces para defender o seu dereito a unha maternidade libremente escollida.
Adán puxo o foco nos recortes que está levando a cabo Feijóo en planificación familiar, en prazas de xinecoloxía, en servizos de atención a saúde sexual e reprodutiva das mulleres, nun exercicio de cinismo do presidente galego. As mulleres somos moi responsables e non necesitamos estar tutorizadas para decidir sobre se queremos ser nais, recalcou.