O BNG presenta un escrito en Fiscalía para investigar a venda de Novagalicia Banco
Xavier Vence argumenta presunto delito de prevaricación e malversación de fundos públicos na venda anticipada e pouco transparente da entidade financeira galega
Tal e como anunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, a pasada semana, o BNG ven de presentar un escrito nos Xulgados de Santiago de Compostela dirixido á Fiscalía Anticorrupción para iniciar a investigación do proceso de venda de Novagalicia Banco por entender que estamos ante un presunto delito de prevaricación e malversación de fondos públicos.
O portavoz nacionalista que compareceu ante os medios de comunicación tras o rexistro do documento, explicou que a venda apresurada de Novagalicia Banco, a pesar do prazo marcado pola UE no 2017, vai contra os intereses dos contribuíntes que colaboraron para sanear a entidade. Por outra parte, o prezo fixado en 1.000 millóns de euros, dixo, tampouco se corresponde coa cantidade aportada por tod@s os cidadáns para reflotar a entidade galega.
O BNG denuncia a perda de 9.000 millóns de euros de tod@s os contribuíntes e a liquidación do sistema financeiro galego
Para o voceiro do BNG, máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos foron estragados pola xestión neglixente do Banco de España, o FROB e o Ministerio de Economía nun proceso de venda pouco transparente e anticipado que impediu que a entidade continuara de maneira independente ao servizo da economía galega.
Xavier Vence responsabilizou ao Goberno central e ao ministro de Economía, Luís de Guindos de manter como independente a Bankia a pesar de ter soterrado 25.000 millóns de euros e liquidar de forma anticipada Novagalicia Banco.
Na venda de Novagalicia Banco existen fundadas sospeitas de malversación de fundos públicos.
O portavoz do BNG reiterou que a denuncia do BNG vai dirixida contra os vendedores da entidade e os responsables da aceleración deste proceso, Luis de Guindos, o Banco de España e o FROB e insistiu que o escrito nacionalista en ningún momento vai dirixido contra os compradores da entidade.
Vence considerou que a Fiscalía debe investigar a fondo a venda de Novagalicia Banco, unha venda que cualificou de innecesaria por existir condicións suficientes para a súa continuidade como entidade independente para o futuro do noso país.