O BNG pide a reprobación de Juárez no Parlamento galego e o seu cese ao Goberno central

Francisco Jorquera acusa ao delegado do Goberno de estar asociado a un grupo en Facebook que reclama abolir as Comunidades Autónomas

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reiterou hoxe as súas criticas e actuacións do delegado do Goberno, Samuel Juárez contra a cidadanía que se “manifesta pacificamente” nas rúas en resposta ás políticas “inxustas” do Partido popular.

Jorquera compareceu ante os medios de comunicación tras a Xunta de Portavoces para dar conta dos asuntos da orde do día da vindeira sesión plenaria que se celebrará na Cámara galega e que inclúe unha Proposición non de lei do BNG para a “reprobación” do delegado do Goberno, Samuel Juárez e a petición do seu cese ao Goberno central.

O nacionalista asegurou na súa intervención, que as manifestacións do delegado do goberno responden a unha estratexia do Partido popular e o presidente Feijóo contra as forzas políticas e movementos sociais utilizando unha campaña de “insidias e calumnias”.

Escalada represiva da delegación do Goberno contra as persoas que se manifestan pacificamente

Francisco Jorquera anunciou que o BNG rexistrou a proposta para a “reprobación” de Juárez e resumiu en catro razóns esta solicitude: pola escalda represiva iniciada pola delegación do Goberno co incremento “abusivo” de expedientes sancionadores contra as persoas e colectivos que participan “pacificamente en protestas socias” co obxecto de amedrentar estas manifestacións, polas súas manifestacións insultantes e irrespetuosas contra estes colectivos, polas declaracións “calumniosas” dirixidas ao BNG e a estratexia que tenta criminalizar o nacionalismo galego e por último pola súa actitude política “sectaria”.

Juárez asociado en Facebok a un grupo que pide a supresión da autonomía catalá

O parlamentario tamén aludiu a adhesión do delegado do Goberno a un grupo en Facebook que pide a supresión da autonómica catalá e abolir o resto de comunidades autónomas a través da “presión á clase política” cara unha reforma para a supresión das CCAA, “non sería mala idea empezar por eliminar a catalá por separatista, nacionalista e antiespañola”, parafraseou Jorquera

Manipulación do Goberno da Xunta para ocultar a grave situación de Galiza

O Partido popular, manifestou, utiliza a súa maioría para manipular de maneira sistemática á cidadanía e ao propio Parlamento a través dos medios de comunicación de titularidade pública coa intención de ocultar “a grave situación económica e política de Galiza” como mesmo denuncian @s traballador@s da Radio e Televisión galegas.

Outra das mostras desta manipulación, engadiu, é a Comisión de investigación das caixas que de maneira “elocuente” constata a intención do PP de restar “transcendencia social e informativa” aos traballos da comisión ao concentrar nun mesmo día as comparecencias dos catro máximos responsables e “as restricións” impostas para que os deputad@s poidan avaliar, “cun mínimo de rigorosidade” a documentación do acontecido coas caixas .

O parlamentario tamén se referiu á negativa do Presidente da Xunta a responder ás preguntas formuladas pola oposición sobre a súa relación co narcotraficante Marcial Dorado e a existencia de contratos e subvencións ás empresas de Dorado.

Manipulación d@s afectad@s das preferentes

O parlamentario denunciou un “novo incumprimento” do Presidente da Xunta ao manifestar na última sesión plenaria que impulsaría a “arbitraxe” para aqueles titulares de preferentes por un valor menor aos 10.00 euros, e hoxe, dixo, comprobamos as denuncias de moitos dest@s afetad@s que “non foron admitidos” na devandita arbitraxe. Os novos datos aportados por Novagalicia Banco indican que menos do 50 por cento dos afectados cobrarán por esta vía e a recuperación só representará o 28 por cento dos cartos investidos por “miles e miles de pequenos aforradores galegos”, concluíu.