O BNG pide os contratos e subvencións da Xunta coas empresas de Marcial Dorado
Francisco Jorquera insta á Xunta a remitir de inmediato á Fiscalía copia da documentación e facturas coas empresas participadas de Marcial Dorado para determinar se existen indicios de delito.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG,Francisco Jorquera anunciou que o BNG esixirá á Xunta a relación de subvencións e contratos coas empresas participadas por Marcial Dorado.
Ademais, o BNG instará ao Goberno galego a que remita de inmediato á Fiscalía a documentación e facturas para que determine se observa indicios de delitos.
O portavoz do BNG compareceu ante os medios de comunicación para valorar o debate no Parlamento galego sobre a relación do Presidente da Xunta co capo da mafia Marcial Dorado.Neste sentido, anunciou a presentación dunha interpelación a Núñez Feijóo para que responda ás cuestións que quedaron sen responder na súa comparecencia.
Para o BNG, dixo, Feijóo incorreu en contradicións ao negar, ata o día do debate, que as empresas de Marcial Dorado foran beneficiadas con subvencións pero na súa comparecencia, admitiuno intentado usalo contra a oposición, en aras da transparencia, manifestou, a Xunta debe aportar toda a documentación requirida para que sexa examinada pola Fiscalía.
Jorquera engadiu que o BNG preguntará a Feijóo sobre a persoa ou persoas que pretendían amedrentalo, cantas viaxes realizou con Marcial Dorado, a que lugares e quén os pagou.
Hoxe temos máis motivos para pedir que Feijóo dimita
O portavoz do grupo parlamentario afirmou que para o BNG, hoxe hai máis motivos que onte para demandar a dimisión de Feijóo e cualificou de comportamento vergonzoso e falta de respecto ao Parlamento a intervención do Presidente da Xunta na Cámara galega.
Esa intervención, engadiu, foi un atentado á credibilidade e a democracia así como unha nova mostra da covardía política de Feijóo. Ao xuízo do nacionalista, o Presidente da Xunta tentou erixirse en vítima e ocultarse detrás da propaganda para xustificar o inxustificable.
Jorquera considerou que as explicacións de Feijóo sobre a súa estreita relación con Marcial Dorado supoñen lexitimar o contrabando que un delito, como a evasión fiscal ou o branqueo de cartos.
Finalmente, o deputado do BNG denunciou a manipulación informativa da radio e Televisión públicas ao non retransmitir en directo o debate e censurou a falta de equidade nos informativos. Jorquera anunciou que o BNG xa rexistrou unha Proposición non de lei para denunciar esta manipulación.