O BNG pide que cese o Valedor por vulnerar a súa imparcialidade con Feijóo
Tereixa Paz denuncia que o Valedor do Pobo converteuse en Valedor de Feijóo
A portavoz de Política institucional do BNG, Tereixa Paz compareceu hoxe ante os medios de comunicación para denunciar as declaracións e xuízo do Valedor do Pobo ante as informacións e fotos publicadas nun medio de comunicación nas que o Presidente da Xunta aparecía acompañado do narcotraficante Marcial Dorado nun iate.
A deputada explicou que o BNG presentou dúas iniciativas coa finalidade de solicitar o cese do actual Valedor do Pobo, José Julio Fernández por considerar que as súas competencias como comisionado do Parlamento galego céntranse na defensa dos dereitos fundamentais, defensa pública da cidadanía e tutela dos dereitos individuais e colectivos fronte á administración pública.
O Valedor do Pobo máximo valedor de Feijóo
A súa función é, polo tanto, a legalidade e o cumprimento da mesma pero o Valedor do Pobo realizou unhas declaracións posicionandose claramente en defensa do Presidente da Xunta ante as fotografías co narcotraficante Marcial Dorado, afirmando que poderían vulnerar o dereito á intimidade do Presidente da Xunta e carecerer de interese informativo.
Para a deputada as declaracións, de José Julio Fernández faltan a súa obriga de manter a imparcialidade ao mediar a favor do Presidente da Xunta excedendo as competencias do seu cargo.
O BNG pide o apoio dos grupos parlamentarios para cesar ao Valedor
Ante a actuación do Valedor do Pobo, Tereixa Paz reiterou que o BNG pedirá o seu cese e solicitou o apoio do resto dos grupos parlamentares á iniciativa nacionalista porque, na súa opinión, resulta imprescindible un apoio unánime contra un tipo de proceder no que O Valedor do Pobo se converteu no Valedor exclusivo do Sr. Núñez Feijóo.
A nacionalista tamén se referiu ao trámite de petición do ceso ante a Mesa do Parlamento do que dixo, a nosa iniciativa non será debatida no vindeiro pleno por mor da negativa do Partido popular a incluíla na orde do día e denunciou que o grupo conservador maioritario na Cámara galega instrumentalice as institucións ao seu servizo e impida que no Parlamento galego teña lugar un debate co telón de fondo das amizades perigosas do Presidente da Xunta.
A Mesa do Parlamento cualifica de ilexítima a Tereixa Paz
Tereixa Paz cualificou de subversión da democracia a negativa da Mesa do Parlamento impedindo o debate para cesar ao Valedor do Pobo e mencionou o escrito remitido tamén á Comisión de peticións para formular no Pleno a proposta de cese pero a Mesa impediu esta petición aducindo a falta de lexitimación dunha deputada, neste caso eu, para facer tal petición, manisfestou.
A parlamentaria lembrou que hai un ano o BNG presentou un escrito idéntico e coa mesma formulación agás nas causas, e este escrito si foi admitido a tramite.
Paz concluíu a súa intervención asegurando que o Valedor do Pobo permanece en funcións dende hai un ano porque o Partido popular empeñase en manter ao vicevaledor como Valedor. O BNG, reiterou seguirá solicitando o seu cese e que se cumpra a lei nesta institución.