O BNG non espera "absolutamente nada" da reunión entre Feijoo e Rajoy
Francisco Jorquera asegura que Feijoo carece da actitude necesaria para defender Galiza e na reunión con Rajoy amosará a súa absoluta obediencia a Génova.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirmou hoxe que, o BNG non espera nada da reunión entre Rajoy e Feijoo porque o Presidente da Xunta carece da actitude necesaria para defender a Galiza en cuestións fundamentais derivadas da política estatal e que afectan moi negativamente aos sectores produtivos galegos entre os que destacou: o sector naval, dotar aos estaleiros públicos dun dique flotante, no sector pesqueiro e sobre un financiamento insuficiente para Galiza.
O portavoz do grupo parlamentario nacionalista na súa comparecencia ante os medios de comunicación, tamén criticou a invasión de competencias por parte do Goberno central e unha reforma da Administración Local claramente centralizadora, cuestión que Feijoo non porá enriba da mesa, dixo, pola súa obediencia á rúa Génova.
Para o deputado do BNG, Feijoo actúa en Galiza como mero delegado do Goberno e escudeiro de Mariano Rajoy e reiterou que o BNG non espera nada desta reunión.
Feijoo debe explicar o diñeiro procedente de Galiza para financiar ilegalmente o PP
Francisco Jorquera volveu pedir hoxe reponsabilidade ao Presidente da Xunta para explicar os casos de presunta corrupción detectados no Partido popular e lembrou que na sesión de control do vindeiro pleno, o BNG preguntará polas medidas previstas para loitar contra calquera cargo do partido popular que use a política para lucro como se comprometeu na Cámara recentemente o propio Presidente da Xunta e do Partido popular, Alberto Núñez Feijoo.
O deputado manifestou que Feijoo é especialista en frases bonitas e titulares de prensa como: o caso Bárcenas me repugna ou perseguirei ata o final a calquera militante ou cargo do PP que pretenda lucrase coa política e pediulle que deixe a retórica e reaccione ante a corrupción do seu partido como a vinculación da contabilidade de Bárcenas coa trama Gürtell e que afecta ao PP galego pola presunta financiación ilegal dos actos das campañas do PPdeG entre os anos 1997 e 1998.
A esta circunstancia engadiu a entrega a Génova de 21 millóns de pesetas decidida polo secretario do Partido popular de Galiza e mentres tanto, Feijoo mirando para outro lado.
Jorquera tamén se referiu a situación do Concello de Santiago sobre a que volveu pedir que Núñez Feijoo, na súa calidade de Presidente da Xunta e do PP de Galiza, inicie os trámites para a disolución da corporación municipal e a convocatoria de eleccións anticipadas.
XIV Asemblea Nacional do BNG proceso de revitalización do nacionalismo
A preguntas dos xornalistas sobre a celebración o vindeiro domingo 17 de marzo da Asemblea Nacional do BNG, Jorquera asegurou que marcará unha importante inflexión.
Sobre as discrepancias do líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, o portavoz do grupo parlamentario afirmou non compartilas e amosouse convencido de que o BNG saíra reforzado do proceso asembleario, a recuperación da iniciativa política, o traballo social e a revitalización do proxecto nacionalista en Galiza marcarán esta Asemblea, manifestou.
Amplo respaldo ás teses do BNG para a XIV Asemblea Nacional
Por outra parte, tamén se congratulou da aceptación por unha amplísima maioría das teses aprobadas no Consello Nacional despois dun proceso participativo por abaixo onde se constatou o inmenso acordo da militancia do BNG coas propostas contidas nesas teses así como o respaldo significativo da candidatura encabezada por Xabier Vence á portavocía nacional.
Francisco Jorquera asegurou que o BNG ten a vocación de ser a casa común do nacionalismo, nese sentido, engadiu que existe unha nova realidade política en Galiza e o BNG, aposta claramente por ir cara á unidade do nacionalismo establecendo espazos de colaboración e confluencia con outras forzas nacionalistas.
Interpelado pol@s xornalist@s sobre a soberanía, Jorquera negou as acusacións sobre unha posible deriva soberanista do BNG porque, na súa opinión, esa deriva está no centralismo do Estado, na deriva centralista, dixo, que utiliza a crise económica para concentrar a riqueza e o poder a través dun modelo de centralización política, restando competencias as CC.AA, eu non vexo no BNG ningunha involución é o que realmente está en crise é o modelo político da transición española, concluíu.