O BNG lanza a web ás eleccións europeas aberta ás propostas da cidadanía para elaborar o programa
A través do proceso #Ideasparanosdefender invítase a deixar iniciativas ou opinións que se poden ser valoradas polos lectores
A web ofrece información sobre o traballo da candidata Ana Miranda e estará en permanente actualización
Durante a precampaña e campaña farase un uso intensivo das redes sociais, as máis seguidas entre as organizacións galegas
Un dos aspectos máis relevantes da web, en liña coa candidatura da cidadanía que encabeza Ana Miranda, é o proceso #ideasparanosdefender, ao que se pode acceder no apartado bng.com/europeas2014/ideasparanosdefender/, no que se convida á participación de todos os galegos e galegas para aportar propostas, iniciativas ou medidas para ser incorporadas ao programa electoral do Bloque. Con este convite a participación social, o BNG complementa a rolda de contactos cos sectores produtivos, co mesmo obxectivo de recadar as súas propostas para incorporar ao programa antes da súa aprobación definitiva no Consello Nacional do 5 de abril.
Pensións contributivas para as amas de casa, supresión das axudas europea aos espectáculos taurinos e medidas para mellorar a eficiencia enerxética e promover o uso de enerxías renovables, participación directa de Galiza nas negociacións en Bruxelas de temas que lle afecten, defensa da lingua na Eurocámara, son algunhas das achegas feitas xa a través da opción #ideasparanosdefender, apenas horas despois da publicación da web. Ademais da formulación de ideas e propostas, pódese votar cada unha delas como forma de expresión de adhesión ou preferencia.
Igualmente, BNG-Europeas 2014 ofrece un resumo do traballo realizado pola candidata Ana Miranda como eurodeputada nesta Lexislatura, cuxo escano coincidiu coa negociación e aprobación das principais política comunitarias, como a Política Agraria Común (PAC), a Política Pesqueira Común (PPC), a Rede Transeuropea de Transportes ou o novo marco financeiro cos fondos europeos, que marcan, en todos os casos, as regras de xogo para o período 2014-2020.
Tamén se facilita información sobre a candidatura, o Manifesto Os Pobos Deciden e, as liñas básicas da alternativa do BNG ás europeas mentres se ultima o programa electoral co que a formación nacionalista concorre aos comicios do 25 de Maio. E, sobre todo, a web electoral pretende ser un canal de comunicación directa coa cidadanía, para recoller as súas propostas, as súas opinións e mesmos a súa indignación ante un modelo de Europa marcado pola Troika e pola dereita política, que ten aumentado as desigualdades e empobrecido á maioría dos galegos e galegas.
Uso intensivo de redes sociais, a máis seguida entre as organizacións galegas
Ademais do espazo web Europeas 2014, o BNG fará un uso intensivo das canles nas redes sociais para difundir o traballo realizado durante a anterior lexislatura, a súa posición no debate sobre o futuro da UE e mais o seu compromiso de defensa dos sectores produtivos galegos e dos colectivos sociais agredidos pola política económica e social ditada polo Estado e a Comisión. Durante a precampaña e campaña difundiranse materiais creados especificamente para estas canles, así como información da actividade da candidata Ana Miranda e do resto de membros da lista do BNG.
O BNG é a organización política galega que conta con máis seareiros e seareiras nas redes sociais. No día de onte a conta de Twitter @obloque, superou os 10.000 seguidores. A páxina oficial de Facebook da organización (www.facebook.com/bloquenacionalistagalego) tamén é a máis seguida entra as organizacións políticas galegas, con case 7.000 seguidores/as. A estes recursos súmanse os espazos das organizacións comarcais e locais, xunto coas contas persoais dos/as representantes públicos da organización. O BNG considera estas canles como unha vía fundamental de contacto e información coas persoas que se mobilizan en defensa do país e da súa xente, cos homes e mulleres que o BNG quere convencer da utilidade da súa proposta e candidatura para as eleccións europeas.