O BNG emenda uns orzamentos estatais "equivocados e fracasados de antemán"

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e as deputadas nas Cortes do Estado Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez presentaron hoxe en rolda de prensa a emenda do BNG á totalidade aos orzamentos do estado 2013 e as emendas parciais que rexistrará o Bloque.

O portavoz nacional afirmou que “todos e todas pagaremos as consecuencias desas decisións erradas de Rajoy e do PP” que, tal e como explicou, “seguen a liña negativa xa iniciada e destinada a saquear o pobo para seguir cebando a banca”.

“Están a perpetrar unha transfusión xigantesca do sangue do pobo para alimentar a unha minoría”, asegurou Guillerme.

Asemade, o portavoz nacional coincidiu coas deputadas nacionalistas en que estes orzamentos “tamén os vai pagar Galiza vía diminución do financiamento. Do señor Feijóo non imos esperar que se opoña a estes orzamentos”, conluíu, “e en Galiza ímolo pagar claramente”.

Cargan nas persoas en dificultades

A deputada Olaia Fernández Davila incidiu na súa intervención no feito de que estas cifras “van incidir de forma moi negativa nas persoas en dificultades, e no benestar das persoas porque son nefastos para os servizos públicos: educación, benestar, servizos sociais e nefastos para os sectores que poden reactivar a economía”.

“Estamos ante uns orzamentos destinados unha vez máis a incrementar a recesión e incrementar o paro”, aseverou Fernández Davila, ao tempo que aclarou que estas contas obrigan ás Comunidades Autónomas a incrementar as súas previsións de défice público nun 50% e subliñou que “isto significa que van ter que ser as Comunidades Autónomas as que fagan os recortes sociais e en Galiza vai haber que facer recortes en sanidade, educación, etc”.

“Os departamentos de Educación e Cultura reducen os seus orzamentos nun 17%, Sanidade un 22% eliminando transferencias de cartos para a lei de dependencia ás comunidades autónomas, mentres outros departamentos como Interior só reduce o seu orzamento nun 6%, e Presidencia incremántao”, denunciou Olaia.

Emendas parciais

A nova deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Rosana Pérez, presentou as emendas parciais que rexistrará o BNG e que, tal e como explicou centraranse en cuestións diversas como “pór enriba da mesa que hai que mellorar os orzamentos en sanidade, educación, na dotación da lei de dependencia e tamén en cuestións que afectan directamente ao noso país como onde están os cartos para incrementar os investimentos en investigación e desenvolvemento e os investimentos produtivos”.

Rosana Pérez explicou que o BNG tamén ten cifrado de onde se poden detraer esas partidas necesarias para cubrir as demandas do BNG: “eliminación das Deputacións, redución dos gastos de defensa, loita contra a fraude fiscal, unha reforma fiscal xusta e progresiva, diminución dos gastos da Casa Real ou facer pagar á Igrexa os impostos dos que aínda se libra”.

 

http://youtu.be/MSlBLhlPe9E