O BNG defenderá no Congreso a devolución íntegra dos aforros aos afectados polas preferentes
Na manifestación celebrada hoxe en Compostela Xavier Vence salientou que é de xustiza que os estafados recuperen o 100% dos cartos
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta mañá na manifestación de apoio aos estafados polas preferentes e subordinadas. No inicio da mobilización o nacionalista anunciou que o Bloque defenderá o vindeiro martes, 28 de maio, unha proposición de lei para que se garanta a devolución íntegra do valor das participacións preferentes e subordinadas.
Segundo defendeu Xavier Vence na manifestación de hoxe, na que tamén participaron os deputados Francisco Jorquera e Bieito Lobeira, é de xustiza que os aforradores e aforradoras estafados recuperen o 100% dos seus cartos. Asegurou ademais que o BNG seguirá a traballar para que así aconteza e amosando o seu respaldo a todos os afectados e afectadas en todas as mobilizacións que se celebren.
O portavoz nacional do BNG destacou que no debate de admisión a trámite da lei (que terá lugar o martes a partir das 16.30 horas), o Bloque censurará o Decreto e as decisións do FROB en relación ás entidades nacionalizadas por que confirman o expolio do aforro a un elevado número de persoas que nunca foron informadas debidamente destes productos financeiros.
Non ás quitas
Coa súa proposición de lei o BNG quere que non se apliquen os mecanismos legais vixentes que estabelecen a asunción obrigatoria de perdas por parte dos preferentistas. Nesta liña Vence destacou que no Pleno do martes as deputadas nacionalistas van defender a modificación ou derogación de diversas disposicións da lei vixente de reestructuración de entidades de crédito.
O nacionalista criticou que o Goberno español asumise unhas condicións gravosas para a maioría dos cidadáns. Os contribuíntes en xeral teñen que realizar enormes esforzos para rescatar a banca española, e por riba, penalízase a miles de pequenos aforradores poseedores de participacións preferentes e subordinadas, asegurou.
Coas súas decisións sobre a aplicación das quitas, o goberno central legalizou a estafa a pequenos aforradores sen experiencia financeira que foron enganados coa colocación masiva de participacións preferentes e subordinadas, denunciou Vence.
Segundo explicou o portavoz nacional do BNG, a proposiciòn de lei pretende que non se apliquen os mecanismos legais vixentes polos que os afectados teñen que asumir obrigatoriamente as perdas.
Acto en Viveiro
Neste marco inscríbese o acto no que Vence participará esta tarde en Viveiro, dentro da campaña que o Bloque está desenvolvendo por todo o país baixo o nome Non é unha crise, é un roubo. Nesta localidade da Mariña luguesa, o portavoz nacional explicará as iniciativas que ten presentado a fronte nacionalista para acadar o obxectivo de que as persoas estafadas recuperen os seus cartos.
Ademais de solidarizarnos cos afectados desta estafa tamén temos que explicar polo miúdo, nas vilas de todo o país, as nosas propostas contra a quita e as políticas crueis dos gobernos do PP, afirmou Vence ao respecto.