O BNG combaterá a estratexia do PP para recortar a democracia e amordazar á cidadanía
O BNG denuncia a estratexia do PP para degradar a calidade da democracia pola dobre vía de desprestixiar e minusvalorar ás institucións e de amordazar á cidadanía que contesta ás políticas impulsadas polo Goberno central e pola Xunta.
Tras a reunión con todos os cargos nas institucións parlamentares, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, anunciou que a folla de ruta da formación frontista nas institucións pasa por enfrontar esta deriva con iniciativas políticas para mellorar a calidade da democracia e para defender as conquistas dos dereitos sociais, pero tamén dos dereitos políticos da cidadanía que non poden pórse en perigo con motivo da crise.
Fortalecer a democracia é a dirección correcta para saír da crise que é económica, pero tamén institucional e política, salientou Vence, quen critica a escasa iniciativa lexislativa do Goberno galego que, ademais, aposta por fomentar o balbordo para silenciar os debates sobre os problemas reais e para evitar o control da acción do Executivo.
Esta estratexia de desprestixio do Parlamento é para preparar a poda para xustificar a redución de deputad@s, recortar a democracia, a calidade do autogoberno e garantirse unha maioría absoluta desequilibrando o valor do voto nos distintos territorios, advirte o portavoz nacional.
A isto se engade, advirte o BNG, as medidas do Goberno central que ultima a Lei de seguridade cidadán, en contra dos movementos sociais que protestan contra as políticas do Goberno central e autonómicos, que ven como lle choven sancións como medida de represión para frear a defensa dos seus dereitos. Os estafados polas preferentes que defenden os seus dereitos na rúa, os que combaten os desafiuzamentos ou os colectivos que defenden a sanidade pública, son exemplos de cidadanía combativa cuxos dereitos pretenden ser limitados por lei, ademais das propias forzas de seguridade.
Como segunda liña de acción política nas cámaras, o BNG impulsará propostas para modificar a política de recortes que prolongan a recesión, a destrución de emprego e a desaparición de empresas. Como alternativa, a formación nacionalista vai presentar unha batería de medidas para reactivar o crédito ás empresas e as familias e paralizar a venda de NGB, e plans de apoio aos servizos públicos e aos sectores produtivos, como o industrial e o agrogandeiro.
Sector naval
A situación do sector naval galego foi abordada na interparlamentar, ante os anuncios de plans de reestructuración e a falta de carga de traballo que amezan con levarse por diante os centros de produción. Neste sentido, o BNG pide a Feijóo que, seguindo o que establece a Lei do Naval aprobada pola Cámara autonómica, esixa unha representación directa de Galiza no consello de administración de Navantia, en lugar de botar balóns fora con críticas á dirección da empresa.
Igualmente, o BNG demanda carga de traballo para os centros de Ferrolterra, ata agora marxinados fronte a outros centros, que Goberno central e Xunta se planten en Bruxelas para esixir levantar o veto á construción naval civil en Fene e reivindicar que os centros de produción de Ferrol e Fene teñan autonomía para buscar os seus mercados e a carga de traballo, con dirección comercial e estratéxica propias, sen estar ao criterio do que decida Madrid.