"Baltar dimisión, Feijóo cómplice"

O Grupo parlamentario do BNG concentrado ás portas do Parlamento galego pide a dimisión do Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar

 

 O grupo parlamentario do BNG exhibe un cartaz baixo o lema “Baltar dimisión, Feijóo cómplice” ante as portas do Parlamento galego, minutos antes de dar comezo a sesión plenaria na que o BNG non pode formular a pregunta ao Presidente pola reforma do regulamento da Cámara.

O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera acusou ao Presidente da Xunta de actuar como “encubridor dun caso de acoso sexual e violencia machista” e esixiu, que como Presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, “inicie os trámites para a expulsión de Baltar e a súa dimisión como Presidente da Deputación”.

Jorquera explicou que as gravacións demostran claramente que Baltar “solicitou favores sexuais” a cambio de promesas de colocación na Deputación de Ourense, onde, por outra parte, dixo, son habituais as prácticas de “nepotismo”. O parlamentario lembrou as declaracións do Presidente da Xunta nas que afirmaba que “unha muller quixo que Baltar delinquise e non delinquiu”, manifestacións que ao seu entender, sitúan a Feijóo como “cómplice” dun caso de acoso sexual”. O deputado esixiu ao Presidente da Galiza e Presidente do Partido popular de Galiza que rectifique e deixe de ser “cómplice e encubridor dun caso evidente de violencia machista”.

A oposición abandona o hemiciclo tras a resposta de Feijóo

A resposta de Feijóo ás preguntas formuladas polo Grupo Mixto, AGE e PSOE relacionadas coa denuncia contra o Presidente da Deputación de Ourense provocaron o abandono dos grupos da oposición do hemiciclo.

O BNG mostrou a súa “indignación” pola resposta de Feijóo que comezou a súa intervención argumentando que para el o problema máis importante de Galiza é o desemprego.

Tras o abandono do hemiciclo, a deputada do BNG, Carme Adán asegurou que tiña moi claro que a denuncia contra Baltar esixía a súa dimisión pero despois de escoitar ao Presidente da Xunta “Feijóo tamén debe dimitir”, recalcou.

 Pola súa parte, o portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera tachou de "insultante" a resposta do Feijóo que acusou  de "frivolidade" á oposición por traer á Cámara unha pregunta sobre violencia machista.

 Para Jorquera, Feijóo demostrou hoxe  que "para el a  violencia machista non é un  problema importante" e con esta actitude insulta ao 50% da poboación e pon en evidencia que considera "irrelevante" a violencia machista. Feijóo quedou hoxe retratado, concluíu.