Ana Pontón, candidata á Portavocía Nacional para conducir o proceso de refundación do BNG
A deputada Ana Pontón é a candidata á Portavocía nacional do BNG ao encabezar a lista de cincuenta persoas aprobada hoxe polo Consello Nacional para a renovación deste órgano de dirección, unha proposta que será sometida á consideración da militancia na XV Asemblea nacional do 28 de febreiro.
Por primeira vez será unha muller a chamada a liderar a formación nacionalista coa responsabilidade de conducir un proceso de refundación que o Bloque emprenderá sobre as bases do que decida a militancia o 28F, proceso de refundación co que aspira a recuperar o apoio social desde o convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista como o que representa o BNG.
É emocionante que unha muller sexa candidata a portavocía nacional por vez primeira, pensamos vai ser moi ben recibido polas militancia e pola base social, salientaba Goretti Sanmartín número dous da candidatura, somos audaces, rebeldes e con moitas ganas de traballar, subliñou en referencia ás mulleres que integran unha lista con importante presenza de xente moza, de referentes do traballo municipal e social e que pecha simbolicamente o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera.
Os quince primeiros nomes desa candidatura corresponden ás persoas propostas para conformar a Executiva nacional. Ademais de Pontón e Sanmartín, inclúe a Xosé Luis Rivas, Mini, Noa Presas, Rubén Cela, Carmen da Silva, Nestor Rego, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Obdulia Diniz, Xosé Emilio Vicente, Montse Prado, Xosé Manuel Marcote, Alba Feixó e Luis Pérez Barral.
Escoita activa
A proposta de candidatura, -que aínda pode ter novas incorporacións-, foi elaborada tendo en conta os nomes decididos polas bases nas asembleas comarcais, así como os criterios de equilibrio de xénero e territorial. En todo caso, o prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o luns ás 19.00 horas, e calquera grupo de 15 militantes pode presentar outras propostas.
Pontón fixo un recoñecemento expreso do inmenso labor da executiva actual en particular do traballo feito polo portavoz nacional, Xavier Vence. Estiveron dando a talla e introducindo cambios importantes na propia dinámica da organización que deben ser continuados, salientou a agora candidata, quen aposta por construír o futuro do nacionalismo colectiva e democraticamente con paixón, convicción e con principios.
O reto máis importante que temos por diante é iniciar o proceso de refundación do BNG coa convicción clara de que o nacionalismo é un elemento necesario e fundamental para o futuro do país, argumentou a deputada, ao tempo que destacaba a vontade de facer unha escoita activa interna e externa, e de levar adiante os cambios que colectivamente decida a militancia do BNG, desde o compromiso co país o coas ideas de cambio e de progreso.
Documentos de debate
Ana Pontón confesouse ilusionada pola responsabilidade que asume consciente de que é un reto difícil, e apuntou dous aspectos clave para reconstruír a complicidade e o apoio social: actualizar o discurso político e redefinir a estrutura organizativa do Bloque. Será a militancia quen determine cales deben ser os prazos do proceso de refundación, indicou.
Temos que estar á altura das circunstancias porque hai moitas persoas mirando para o BNG, concluíu Pontón en relación ao conclave do 28F.
En relación á documentación que será debatida na Asemblea nacional, o CN deu luz verde a un total de 150 emendas sobre as 243 presentadas ao relatorio oficial, que se incorporan agora ao texto político tras ser aceptadas ou transacionadas no Consello Nacional. O resto, incluídos os votos particulares, pasan a formar parte dos documentos políticos que serán debatidos pola militancia na cita do Palexco na Coruña, explicou Sanmartín.
PROSTA DE CANDIDATURA DO CONSELLO NACIONAL