Allariz é un referente para toda Galiza, un modelo do que o BNG pode facer no País a partir do 21-O
Logo de expresar o seu orgullo por estar entre os máis de 700 alaricanos e alaricanas que ateigaron o pavillón de deportes, lembrou que Allariz é un referente, un modelo de para que pode servir un goberno do BNG en todo o País e unha cuna tamén de persoas que xa son referencia de nacionalismo, como Anxo Quintana, Alfredo Suárez Canal e Francisco García.
O candidato nacionalista explicou, tal e como xa fixera pola mañá en Monforte, que xa se sabe a que conducen as maiorías absolutas do PP, tanto en Madrid como en Galiza, a que o Partido Popular sexa impune para aplicar máis recortes, para non ter que chegar a acordos no Parlamento, para facer todo o contrario do que promete.
Sectores arruinados
As políticas do PP están arruinando a moitos sectores sociais que até o de agora votaban maioritariamente o Partido Popular, como son os autónomos, os pequenos empresarios, os comerciantes ou os pensionistas, por iso lles pido que se sumen ao cambio que representa o BNG.
O candidato do BNG explicou que ante esta realidade, ante un presidente Feijóo cun balanzo de xestión desastroso, é tempo de participar non de inibirse e de facelo de forma responsábel, apoiando á única forza política que pode facer posíbel o cambio real que Galiza precisa.
Jorquera referiuse especialmente á mocidade, para que non fique na casa e se implique porque tamén está en xogo o seu futuro, para evitar que teñan que emigrar unha vez rematados os seus estudos e para asegurar que poidan facer eses estudos, a igualdade de oportunidades á hora de formarse frente á política do PP que quere volver aos tempos nos que só podían estudar os ricos e nos que se separaba nenos e nenas nas aulas.
A chave desas eleccións -concluiu- é converter o descontento social maioritario co PP en enerxía eleitoral o próximo Domingo 21 de Outubro.
Tereixa Paz
Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, afirmou que Allariz responde ao BNG porque o BNG sempre responde a Allariz e a toda Galiza , por iso é preciso un cambio no País que veña da man do BNG para facer frente ao peor goberno da historia e ao seu presidente mentirán.
"Galiza non se pode permitir catro anos máis de demolicións Feijóo -engadiu-, un goberno que empeza segregando nenos na escola e acaba como Castelao Bragaña, facendo auténtica apoloxía do terrorismo machista".
Allariz puxo o peche a unha xornada que Jorquera comezou cun mitin en Monforte e continuou na provincia de Ourense, cun mitin noutro concello gobernado polo BNG como é Castrelo de Miño.
Xunto ao alcalde nacionalista, Xurxo Rodríguez, e a cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, Jorquera reiterou a necesidade de concentrar o voto nacionalista e de esquerdas para frear ao PP, tanto a Feijóo na Xunta como a Rajoy para que non poida ter un cheque en branco para poder seguir cos seus brutais recortes.
http://youtu.be/cwCrYDTetPA