O BNG defenderá un proxecto de país para a maioría social no debate do estado da nación

O BNG confía que o debate do estado da nación sexa o último que protagoniza o actual presidente da Xunta e se peche o “ciclo Feijóo” caracterizado polos recortes, polo abandono dos sectores produtivos, pola emigración e o declive económico e demográfico do país.

Reunión interparlamentar BNG

“Será o balance dun fracaso, da falta de proxecto de Feijóo que deixa un país esnaquizado. É o final de todo un ciclo de recortes, en benestar, en servizos públicos e sociais, cos sectores produtivos desmantelados, un ciclo de declive económico e demográfico”, sintetizou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que o BNG, tras facer unha diagnose “realista” da situación, presentará 40 propostas de resolución para “un proxecto de país”.

Propostas orientadas á maioría social, enfocadas a crear emprego e a manter o benestar social preservando a calidade e universalidade dos servizos públicos. Para iso, Vence insistiu na necesidade de ter “novas ferramentas” para defender “a nosa xente, aos sectores produtivos e para poder construír futuro”.

No económico, as propostas de resolución apostan por un novo marco financeiro e fiscal “xustos” que permitan obter recursos para manter servizos públicos de calidade, medidas para que o sector primario podar defenderse fronte ao poder das cadeas de distribución “que impón condicións leoninas”. Igualmente, o Bloque presentará no debate medidas como a tarifa eléctrica galega, “que favoreza a competitividade das empresas e abarate a factura das familias”.

Entre as propostas de resolución, medidas a favor do I+D+i, dotación de bolsas para os e as estudantes, así como material escolar gratuíto para as familias con dificultades. En términos de financiamento da economía, o Bloque defenderá no debate do estado da nación a creación dunha banca pública e dun instituto de crédito que canalicen o aforro galego para o investimento interior e permitan cubrir as necesidades da empresa e dos particulares do país.

Vence deixou claro que o BNG fará un relato real da situación de Galiza fronte “a propaganda” que despregará Feijóo na súa intervención para agochar a realidade dun país “que se desfai a cachos como consecuencia das políticas nefastas do PP ao longo destes anos”.

O Bloque ofrecerá na Cámara medidas “valentes e potentes para preservar as conquistas sociais, os servizos públicos, defender os nosos sectores produtivos, crear emprego para frear a sangría migratoria que non podemos soportar máis”, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG