parlamento galego

BNG denuncia que o Goberno do PP deixou sen executar máis de 1.000 millóns dos orzamentos galegos de 2023

Noa Presas
Noa Presas
A portavoz de Economía, Noa Presas, advirte que moitas das partidas non executadas “son fundamentais para soster as políticas públicas do País”

A portavoz de Economía, Noa Presas,  denunciou este venres en comisión parlamentaria, a “deficiente xestión económica e execución orzamentaria do Goberno galego”, especialmente no que atinxe a algúns programas e áreas concretas tan relevantes como as de emprego, xustiza, medio rural, medio ambiente e políticas sociais.

En total quedaron sen gastar 1.051 millóns de euros, algo que, segundo asegurou, responde a unha  “mala planificación ou a unha intencionalidade política, ou ás dúas cousas á vez, do Goberno do PP”.

Presas advertiu que “hai sete programas cunha execución inferior ao 50% e 12 por debaixo do 75%”, entre os que destacou os 200 millóns de euros en Emprego e Igualdade, os 130 millóns de Xustiza e Turismo, os 120 millóns de Medio Rural, os 105 millóns de Medio Ambiente ou os 92 millóns sen executar en Política Social e Xuventude. 

A deputada nacionalista tamén puxo o foco en partidas sensibles como “o acceso á vivenda, o fomento da rehabilitación e da calidade da vivenda, o apoio á conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección social, así como os programas de solidariedade”, partidas que “deixaron máis de 100 millóns de euros sen executar entre 2019 e 2023”.

A portavoz da área económica alertou ademais que a non execución dos orzamentos lle afecta a ámbitos estratéxicos como o da eficiencia enerxética e enerxías renovables, o apoio a modernización, internacionalización e mellora da competitividade “ou o caso escandaloso do Plan galego de investigación, innovación e crecemento”, recalcou.

No transcurso da pregunta sobre a execución orzamentaria da Xunta, Presas recordou que “a sanidade, o ensino ou a xustiza son dereitos que se sosteñen con recursos” e, para iso, considerou “clave facer unha boa xestión económica e orzamentaria”. “No caso do Partido Popular, lonxe da pose de rigor que se nos intenta trasladar, vemos que hai deficiencias, escurantismo, e que se restan recursos e capacidade económica para Galiza”, reprochou.

Despois de analizar os datos orzamentarios, Presas alertou sobre a repetición “das eivas que xa ten sinalado o Consello de Contas, como son a mala planificación, as  modificacións orzamentarias abusivas, a falta de execución grave dalgúns programas e a falta de transparencia”, aínda que o que considerou máis preocupante son as modificacións de crédito por capítulos, onde no ámbito dos investimentos reais, o Executivo de Alfonso Rueda elimina máis de 100 millóns de euros.

Segundo recalcou, o  informe das modificacións orzamentarias correspondentes ao mes de decembro de 2023 evidencian que case 300 millóns de euros que quedaban sen executar anteriormente  “foron redirixidos a nóminas e facturas, sobre todo dos servizos públicos”, un gasto que evidentemente é necesario, pero “está mal planificado porque se trata dunha partida que é previsible”.

A portavoz de Economía aproveitou a súa intervención na comisión económica do Parlamento para recriminarlle ao PP a súa incapacidade para conseguir un mellor sistema de financiamento para Galiza.

“Vimos antonte o enésimo desideratum dun novo sistema en boca do señor Corgos desde Valencia, pero o certo é que o Partido Popular non só asinou un reparto inxusto con Galiza no 2009, senón que bloqueou a súa negociación desde 2014 e nin sequera avanzamos cun goberno doutra cor no Estado”, reprochou para recordar a continuación que mentres outros líderes territoriais reclaman unha negociación bilateral co Estado, “Rueda está sometido ao servilismo a Feijóo”. “Temos o goberno da Xunta máis submiso a Génova da historia”, rematou.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG