PRECARIEDADE, DEREITOS E FUTURO. Conversa no Bar Oroña con Néstor Rego e Ana Pontón
05 de novembro de 2019 (15:37 h.)
Queremos outra vida. Queremos vivir sen medo. Queremos poder facer as nosas vidas, dignamente, na nosa Terra e coa nosa xente. E a realidade actual non é esta. A realidade actual explícana os informes sobre precariedade e pobreza en Galiza de organizacións como Cáritas, a Fundación LaCaixa ou o propio IGE. Non podemos resignarnos á precariedade como futuro. O diñeiro que serviu para salvar os bancos non impediu que a crise a pagasen igualmente as clases traballadoras. E ás portas dunha nova recesión, non pode ser de novo a maioría quen suframos mentres os privilexiados se fan máis ricos, como pasou nestes dez últimos anos. Galiza é un país con enormes recursos e capacidades a partir dos cales crear emprego e riqueza, garantir servizos públicos, asegurar que ningunha persoa a quen a vida se lle torza vaia quedar tirada, gañar un futuro próspero. Esta mañá tivemos un café con persoas de diferentes xeracións e realidades, para falar desta cuestión. Non nos resignamos a vivir sen horizonte. Esta realidade hai que mudala, e pódese mudar. Facéndonos valer, e con medidas claras e valentes: banca pública galega ao servizo das familias, das persoas autónomas e das PEMES; defensa do emprego industrial e dos sectores produtivos; papel dinamizador do ámbito público na economía; control dos recursos do país para crear emprego e riqueza aquí, en Galiza, e poñer remate ao espolio que padecemos. En definitiva, facéndonos valer.