Opinión

Van por nós

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya

1.-Dóeme porque algo se me rompe por dentro. Porque hai arbitrariedade, saña, vontade de humillación. Porque me sinto Turull, Sánchez, Cuixart, Rovira, Junqueras, Forcadell, Puigdemont... Porque eu faría o mesmo. Porque se eu fose catalán, podía ser eu.

2.-Políticas e políticos presos e exiliados por intentaren, democrática e pacificamente, levar adiante o programa electoral co que gañaron as eleccións. Superáronse todas as liñas vermellas. Isto rompe relacións e abre fendas, tamén no social, no cotián. Non todo vale. Non todo é xustificábel. Están metendo a xente en prisión.

3.-España tricornio. Doe ver políticos doutros partidos, medios de comunicación, persoas da nosa contorna, aplaudir a represión. Xustificala. Buscar escusas e matices. De fondo, deshumanización. Noxo. Que se jodan. Les está bien empleado. A por ellos.

4.-A xustiza española actúa como o brazo executor dos poderes económicos e políticos do Estado. A xustiza española non é xustiza. Non persegue delitos, persegue e castiga ideas. Outorga ou non liberdade provisional baseándose na renuncia aos proxectos políticos e ás propias ideas e conviccións.

5.-Non hai democracia sen separación de poderes. E en España, hoxe, non hai separación de poderes. Só non o ve quen non lle interesa. Pero hai moitos e moitas a quen non lle interesa. Non son presos políticos, din. E despois reclaman a liberdade de Leopoldo López.

6.-Atrinchéiranse na necesidade de facer cumprir a lei. A lei non pode estar por riba dos dereitos democráticos, defendo eu. Para eles si. A lei é a democracia. Cando a lei era a franquista, tamén lles valía. Era a lei. O que había. E opoñerse a aquela lei era actuación tumultuaria, rebelión, barullo. Mellor a seguridade, aínda radicalmente inxusta, desigual, carente de ética e liberdades. Insegura.

7.-Mais onde nos conduce esta lei? E onde quedan con ela a vontade popular e a democracia? O Estado español só ten unha mensaxe para as máis de 2.000.000 de persoas que apoian a independencia en Cataluña e que lexítima, pacífica e democraticamente aspiran a facela realidade. Ou renunciades ás vosas ideas ou teredes prisión e exilio.

8.-Mais é que nin sequera o agochan. Foron claras Soraya Sáenz de Santamaría e Andrea Levy na pasada campaña electoral: o obxectivo é máis importante que derrotar nas urnas o independentismo, o obxectivo é descabezalo e facer claudicar a quen defende tal idea.

9.-O certo é que en España as ideas independentistas están ilegalizadas de facto. Non se permite nin se permitirá a súa aplicación nunca, nin gobernando o independentismo con maioría absoluta. Non hai posibilidades: a Constitución é inmutábel nese terreo porque o españolismo garantiuse a maioría desde as regras de xogo do 78. E dentro dela, nin Plan Ibarretxe, nin Estatut de Cataluña, nin referendo pactado, nin vía unilateral. Aquilo que se usaba contra o terrorismo de ETA (en democracia, todos los proyectos se pueden defender y conseguir democraticamente) era falso.

10.-Camiñamos cara a unha España erdoganizada. Eu, en tanto cidadán galegofalante e soberanista, síntome –son, na práctica- un cidadán de segunda. Sómolo millóns de persoas neste Estado. As nosas ideas, identidades, aspiracións, non valen. E estamos fartos.

11.-Cansos e cansas de vivir á contra. De que se nos negue todo: a lingua, o que somos, o que aspiramos a ser, a pesar de actuar de forma pacífica e democrática. Cansos de que convertan as vítimas (lembrades aquilo de la imposición del gallego?) en verdugos. Sangran as nosas feridas no ser.

12.-Democracia española, que fica dela? Que camiño se nos ofrece? Non se respecta o que somos e representamos, só se nos tolera mentres non aspiremos a levar nada á práctica.

13.-Ao tempo temos que soportar a unha panda de refugallo, corrupta, ladroa e saqueadora, que xestiona o público no seu beneficio e se mantén no poder desde o uso propagandístico e o aliñamento ideolóxico unánime duns medios ao seu pleno servizo, aos que poden chamar para cambiar, inducir e crear novas, fotos, titulares, en calquera momento.

14.-A realidade actual dá noxo, escribira Manuel María hai varias décadas. Recuperamos o verso. España é hoxe un país de tertulianos extremistas e forofos, de políticos ultras pola dereita e covardes pola esquerda, de medios ao servizo dos seus amos que fan propaganda en vez de información. Un Estado en que o poder corrupto usa a xustiza para meter en prisión ou castigar ao discrepante. Políticas e políticos, artistas, sindicalistas…

15.-Que o escenario político e mediático español, na súa dereita e en boa parte da esquerda, era un sumidoiro ético, unha cloaca, xa o sabiamos. Aínda así, o que máis impresiona é o silencio social. Onde as e os intelectuais, onde o 15M, onde a solidariedade e o internacionalismo, onde a esquerda, onde o pensamento democrático, republicano, libre?

16.-Están metendo xente no cárcere. Saiamos á rúa.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 27 de marzo de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG