Opinión

Son galego, sóc català (I)

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya

“Un home que non arrisca nada polas súas ideas,
ou non valen nada as súas ideas,
ou non vale nada o home”

Platón

 

Hoxe en Catalunya, hai moitas mulleres e homes arriscándoo todo, incluída a súa liberdade, na defensa dunha idea: o pobo catalán ten dereito a decidir libremente o seu futuro. Idea, radicalmente democrática, que responde ao exercicio efectivo do dereito de autodeterminación. Un dereito colectivo fundamental e inalienábel.

Esa loita, como estamos a comprobar, non ten nada de bucólica. É un acto desesperado. Por conquistar o dereito efectivo a poder decidir sobre si propio para uns e para non perder a posición de dominio e privilexio para outros. Porén, hoxe, é un conflito que vai máis alá do estritamente nacional. É unha loita, en grande medida, de mínimos democráticos. Polos seus dereitos como pobo, mais tamén, polos dereitos civís (de cataláns e non cataláns) e a defensa dos piares básicos que deberan sustentar unha democracia merecente de tal nome.

Que unha liorta nun bar, un chío, unha canción, un chiste, participar nunha manifestación ou pretender que a xente decida votando, poidan levarte a prisión por delitos de odio, apoloxía do terrorismo, desobediencia ou sedición é moi significativo do momento político que estamos a vivir. A existencia de pres@s polític@s, que nun auto xudicial se considere un agravante o feito de que alguén non “renuncie a súa ideoloxía” ou que un deputado electo en prisión preventiva (non xulgado e non condenado), con plenitude dos seus dereitos a tales efectos, non poida acudir a súa investidura, non acontece en ningunha democracia avanzada do planeta. Está involución en paralelo ao Procés, non é casual. É causal.

Cando non hai razóns nin vontade de convencer nin seducir, sempre chega a forza. É a historia de España. Tras perseguir papeletas, censurar webs, prohibir palestras, mallar contra a poboación que ía votar libre, pacífica e democraticamente, suspender a autonomía, encadear a políticos e dirixentes sociais, ameazar abertamente coa posibilidade de –novamente-, ilegalizar partidos políticos,  agora vólveno demostrar cun novo e delirante auto do Tribunal Supremo, unha segunda quenda de encadeamentos de exmembros do Govern e do Parlament e a orde de detención e petición de extradición do President Puigdemont e resto de exiliad@s.

O acontecido nos últimos tempos en Catalunya non se pode analizar coma un feito illado. É un novo episodio na historia dunhas relacións desiguais e unha dialéctica de sometemento e dependencia dun estado acomplexado cara fóra e imperialista e autoritario cara dentro. Dun unionismo baseado, nunha concepción negadora do carácter plurinacional do estado e a súa aposta por unha hipercentralización baixo o liderado dunha oligarquía que, desde o palco do Bernabeu, quere manter o statu quo que lle garanta non perder unha posición de privilexio.

Para eles, o estado español non é só o seu taboleiro de Monopoly particular. É unha realidade uninacional tan natural como respirar, que se remonta, pouco menos, que ao Paleolítico superior. En consecuencia, falar de maiores cotas de autogoberno das nacións que o conforman é falar dunha cesión, falar de modelos de cosoberanía é falar dunha derrota e, falar de secesión, directamente é falar da amputación dunha parte do propio corpo. Baixo esas premisas resulta difícil entender que o independentismo non é un enfermidade, senón unha opción ideolóxica absolutamente lexítima. Cando ese é o campo de xogo, a defensa da unidad de España, xustifica todo. Desde a instrumentalización indisimulada da administración de xustiza, o corpo diplomático e os servizos de intelixencia (cloacas incluídas) ao uso da forza contra a poboación civil e a vulneración de liberdades e dereitos básicos, pasando pola anulación da autonomía e o amordazamento dun Parlamento electo democraticamente.

Todo elo supón unha aberración en termos xurídicos e unha gravísima irresponsabilidade en termos políticos. Nin humillar, vingar, escarmentar... son compatíbeis con administrar xustiza nin a xudicialización dos problemas políticos de fondo e a persecución do politicamente discrepante é compatíbel cunha Democracia.

Incluso os inimigos poden amosar respecto. Non é -nin será- o caso. Neste contexto, a España non lle abonda con “gañar”. España precisa humillar e escarmentar mediante un ataque consciente á dignidade do pobo catalán.  Por iso, só dá como posíbel unha única opción ao soberanismo catalán: renderse, pedir perdón polos seus pecados, renunciar aos seus obxectivos políticos por ilexítimos e pagar a penitencia con presión e/ou exilio para os seus dirixentes políticos e sociais.

Tentar solucionar positivamente un conflito desta natureza exclusivamente pola vía xudicial, policial ou militar, ademais de estar condenado de antemán ao fracaso, é un profundo erro político. Sexan as porras ou as togas, todo forma parte dunha mesma violencia e responde á mesma lóxica. Porén, o uso desa forza é un síntoma de debilidade e dunha actuación á desesperada. No curto prazo cumprirá con parte dos seus obxectivos: meter medo á sociedade, diminuír o compromiso coa causa soberanista polas repercusións negativas que podería ter nas vidas persoais das e dos activistas e mandar un aviso a navegantes ao resto de nacións sen estado. Porén, a medio prazo, a violencia do sistema non será suficiente e mesmo operará no sentido oposto: reforzando a solidariedade, cohesionando o movemento soberanista  e aumentando as voces críticas na opinión pública internacional.

No seu día, a loita da insubmisión ao exército español -da que Galiza foi vangarda no estado- sería un éxito por varias razóns. Unha delas, evidentemente, que houbo moitos mozos (unha parte moi importante militantes nacionalistas) que estiveron dispostos a levar até as últimas consecuencias a súa protesta pacífica e de desobediencia, indo á cadea. A outra grande razón foi que resultaba demasiado evidente que había centos de mozos nas prisións do estado privados de liberdade, non por roubar, matar ou violar, senón polas súas ideas antimilitaristas e/ou nacionalistas. É dicir, estaban en prisión polas súas ideas. Unha represión dese tipo e desas dimensións, non foi (nin é) sostíbel no tempo.

Este é un conflito político que, ou se resolve pola vía política, ou non se resolverá. Tratar de reducilo a un conflito xurídico considerando a legalidade vixente un contexto normativo inmutábel e estático non subceptíbel de superación é un gravísimo erro. O problema de fondo non é se é legal a pretensión de Cataluña -e do resto de nacións- de se constituír nun estado, senón se ten ou non dereito a facelo. Pódese negociar o cando e o como. O que non é negociábel é a existencia da nación e os dereitos que lle son consubstanciais.

Comezaba o artigo cunha cita de Platón e con Platón remato. Dicía o filósofo grego hai máis de 2.000 anos que “a peor inxustiza é a xustiza simulada”. Dicía ben. Parece unha cita escrita para o noso tempo. E non é que Platón estea de actualidade (que tamén). É que, no fondo, o que está en xogo en Catalunya non é nada moderno, senón un tridente de clásicos: Liberdade, Xustiza e Democracia. Non fai falta ser independentista para apoiar esa causa. Tampouco de esquerdas. Abonda con defender esa vella e nobre idea nacida en Grecia. Abonda con ser demócrata.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 4 de abril de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG