Opinión

O papel (ón) da esquerda española. Son galego, sòc catalá (II)

Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya
Manifestación Plataforma Galiza con Catalunya

A resposta que desde Madrid se lle está a dar ao proceso soberanista catalán non é explicábel –exclusivamente- pola acción política do tándem PP/Ciudadanos. Necesariamente, a dereita partidaria española precisa doutros soportes para unha operación dese calado. O papel dos medios de comunicación, da xudicatura e a Unión Europea están a ser cruciais. Non o é menos, o papel da esquerda española.

En política, como te defines é importante. Como actúas, aínda o é máis. Cando nun conflito como este se agudizan as contradicións e a ambigüidade calculada, o aparencial e o curtopracismo xa non teñen cabida, caen moitas caretas. No caso da esquerda española atopámonos con que, tras unha retórica “rupturista” e “plurinacional”, o que hai é unha práctica continuista e centralista.

Ante o exercicio do dereito de autodeterminación e a defensa de dereitos democráticos básicos, a neutralidade nunca é neutra. Sempre xoga a favor de quen ten unha posición de forza. Por ese motivo, as equidistancias imposíbeis, os silencios enxordecedores e o apoio -máis ou menos explícito- a algunha das medidas máis duras tomadas polo goberno español, xogan un papel branqueador e lexitimador imprescindíbel.

Unha (nova) oportunidade perdida

O proceso soberanista catalán foi –e é- a mellor oportunidade que se presentou en corenta anos para cambiar o estado español. A esquerda española entendeu que non ía con ela. 

En moitos aspectos, o proceso soberanista catalán desbordou a unha esquerda española, incapaz de comprender o que realmente acontece en Catalunya, de ter un discurso propio e diferenciado do da dereita e, moito menos, de apoiar sen complexos o dereito a decidir do pobo catalán. Todo o contrario: primeiro ignorando, despois desprezando e caricaturizando e por último -por activa ou por pasiva- combatendo.  Existen matices, incluso minoritarias e honrosas excepcións; porén, o groso da esquerda española respondeu nunhas mesmas coordenadas básicas que pouco teñen que ver coa actuación dunha parte importante da esquerda en Europa:  desde o PCP e o Bloco de Esquerda en Portugal ao Die Linke en Alemaña.

O PSOE tivo a oportunidade de, cando menos, se desmarcar da liña de actuación fixada polo PP e Ciudadanos coa aplicación do artigo 155 da Constitución española. Non o fixo. Non foi unha decisión táctica, senón unha decisión de fondo e consciente que demostra que tanto monta, monta tanto, Pedro como Susana, e que o PSOE do século XXI non esta disposto a xogar un papel diferente ao do PSOE de finais do século XX. Cando só es a esquerda da extrema dereita e compartes pancarta (e discurso) co españolismo máis reaccionario e o posfranquismo reconvertido, non tes que buscar moi lonxe onde está o teu problema como autodenominada “esquerda”.

Izquierda Unida está a facer un “revival” do papelón do PCE na transición. Escoitar a Alberto Garzón pór ao mesmo nivel a realización do referendo do 1-O que a aplicación do 155 ou equiparar a actuación do PP á do soberanismo catalán, é moi clarificador. Un discurso simplista (e falso) en que nos tratan de convencer de que o que acontece en Catalunya está promovido para que non se fale das “cousas de comer” e facer unha cortina de fume para tapar a corrupción do 3%. Todo isto, por suposto, aderezado de dous clásicos: “No se puede ser de izquierdas y nacionalista” e “El Procés está al servicio de la burguesía catalana”. Ver a un expresidente do Partido Comunista de España como Francisco Frutos compartindo manifestación con Falange española polas rúas de Barcelona e ser ovacionado pola extrema dereita e o españolismo máis fanático ou escoitar declaracións de Centella, Cayo Lara ou Alberto Garzón que, en pouco difiren do argumentario oficial de Génova, amosa que uns é difícil que estean politicamente máis desorientados e que outros están a levar á practica a máxima de Calvo Sotelo de que “antes roja que rota”.

Podemos e as súas “confluencias” teñen claro que, tacticamente, non poden aparecer do ganchete do PP-PSOE-Ciudadanos. Porén, os estudos demoscópicos -que tanto condicionan a súa actuación- xa lles amosan que saírse do guión marcado para Catalunya pasa factura electoral en España. Non pasarán isto por alto. Máis alá da condena da represión, a falta de diálogo e outros lugares comúns, ante o problema de fondo, a súa posición –por desgraza- tampouco é nin será moi diferente. Podemos tentou explicar o conflito catalán baseándose en que a democracia está secuestrada polo PP e que o independentismo catalán é unha reacción ás políticas autoritarias, represivas e recentralizadoras dese partido. O razoamento de fondo é moi simple (e, novamente, falso): desta España é normal que se queira independizar todo o mundo..., dunha España “guai” (é dicir, gobernada por Podemos) ninguén querería marchar. Por tanto, a mellor forma de combater o independentismo é que Podemos goberne o estado español, porque o problema non é España, senón o PP. Porén, a realidade é ben outra: o PP é parte do problema, mais non é “o” problema. O problema é que esquerda e dereita españolas non contemplan outra “demos”, outro “suxeito político” que non sexa “o pobo español”.

Sen pedir permiso. Sen agardar complicidades.

Ante este espello, só cabería agardar da esquerda española unha autocrítica honesta e unha rectificación estratéxica. Non pasará. 

Non precisamos unha “segunda transición” como reclama parte da esquerda española, senón dunha primeira ruptura democrática que, necesariamente, debe pasar por asumir o carácter plurinacional do Estado español e respectar o dereito de autodeterminación das nacións que o compoñen. O cambio no Estado español será en clave soberanista ou non será. Será –como moito- un novo recambio.

A historia demostra que ningún movemento de liberación nacional se fixo co permiso da nación que o somete nin, na maioría dos casos, coa complicidade da esquerda desa nación nin das súas sucursais. Catalunya non é (nin será) a excepción. Galiza tampouco.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 26 de abril de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG