Fronte ao «lobby» eléctrico, o BNG escolle Galiza
En política hai que posicionarse, decidir de que lado estás con feitos e propostas, sobre todo cando o tema impacta na vida da xente, nas familias, na clase traballadora, nas empresas. A escalada de prezos da luz, convertida en estafa legalizada, é un deses temas nos que hai que elixir posición.
A do BNG é clara: fronte ao lucro indecente do lobby eléctrico, estamos con Galiza; fronte ao espolio da nosa riqueza eléctrica, estamos con Galiza; fronte a unha lexislación á medida de Naturgy, Endesa e Iberdrola aprobada polo PP e continuada polo PSOE, estamos con Galiza; e fronte ás portas xiratorias que poñen en nómina das eléctricas a ex presidentes, ex ministros e ex ministras do PP e do PSOE, o BNG está con Galiza.
Galiza é rica en electricidade pero non recibe beneficio algún. Ao contrario, cada vez pagamos máis pola luz malia a ter salarios e pensións por debaixo da media, un 14 % dos fogares padecen pobreza enerxética e miles de empregos están en risco polos custes enerxéticos. Décadas asumindo os custes sociais e ambientais, pero cero beneficios.
No BNG dicimos xa abonda. A riqueza que xera Galiza ten que poñerse ao servizo do País, para mellorar as condicións de vida das galegas, darlle competitividade ás empresas e industrias e axudar á recuperación económica e á creación de emprego.
Temos propostas concretas e realistas que só precisan vontade política para sacalas adiante, vontade política para defender Galiza. A que lle falta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cando vota e contra da tarifa eléctrica galega que nos permitiría baixar o prezo da luz. Unha tarifa diferenciada máis barata como a que xa teñen moitos países europeos nas zonas produtoras, como Alemaña, Noruega, Inglaterra ou Suíza.
Pero aquí Feijoo leva anos vetando a proposta do BNG, que é normal en Europa e beneficiaría ás familias e ás empresas. Prefire gobernar a favor do lobby eléctrico, e aí está esa imaxe que vale por mil palabras: a do señor Feijoo abrazado con entusiasmo ao presidente de Iberdrola nada máis chegar á Xunta, unha empresa que en 2020 obtivo un beneficio de 3.610 millóns de euros en plena pandemia.
O país cheo de encoros e de muíños, pero saben onde pagan os impostos dos seus multimillonarios beneficios as grandes eléctricas? Todas fora de Galiza. Outra inxustiza que hai que corrixir.
Desde o BNG preguntámonos que clase de democracia é a que permite que un puñado de multinacionais marquen o prezo dun ben básico; na que as eléctricas teñen asento preferente no Consello de Ministros e no Consello da Xunta. E propoñemos unha empresa de enerxía pública galega que recupere as concesións dos encoros a medida que caduquen; e propoñemos acabar cos chamados beneficios caídos do ceo; e propoñemos, claro que si, unha tarifa eléctrica galega. Todas propostas posibles, só hai que poñerse do lado de Galiza. Aí é onde está o BNG.