Opinión

Os chanchullos do PP

Que fan os gobernos cos nosos cartos? Estou segura de que calquera cidadán galego se fixo máis dunha vez esta pregunta, e con razón.

Ningún goberno ten nas súas dependencias unha máquina de fabricar billetes. Os orzamentos que manexan as administracións públicas saen dos impostos que pagamos relixiosamente os cidadáns. Os cartos públicos saen, polo tanto, da riqueza que xeramos co noso traballo. Por iso cada euro é importante, porque non é de ninguén senón de todas e todos.

E non é pouco carto.

A Xunta de Galiza manexa anualmente máis de 10.000 millóns de euros de orzamento. En 2024, exactamente, foron 13.257 millóns. Que pasa con ese diñeiro? A onde vai parar e, sobre todo, quen sae gañando con eles? Iso é o que nos preguntamos desde o BNG.

Desde hai anos, o noso grupo parlamentario detectou que o Goberno do Partido Popular na Xunta está utilizando o diñeiro público para beneficiar unha serie de empresas amigas, algunhas mesmo dirixidas por familiares de dirixentes do PP. Para facelo, está utilizando contratos menores que lle permiten conceder diñeiro a dedo sen convocar un concurso público.

Permítanme poñerlles algún exemplo. O Goberno do PP na Xunta concedeu a dedo 1.311 contratos á empresa que dirixe a irmá de Feijóo en Galiza. Só entre 2018 e 2023 o Executivo que presidía antes Feijóo e agora Rueda formalizou máis dun millón de contratos por valor de 4.000 millóns de euros sen ningún tipo de licitación. De entre eles, o Sergas concedeu a dedo o 74% do seu orzamento, máis de 800 millóns.

A falta de transparencia que acompaña esta fórmula de contratación prexudica non só á cidadanía senón, e sobre todo, ao tecido empresarial galego que ve como determinadas empresas, amigas do Partido Popular se benefician de diñeiro público mentres a elas se lles priva de poder contratar coa administración.

Diante desta situación, desde o BNG impulsamos a creación dunha comisión de investigación que esclareza que está a acontecer co diñeiro de todas as galegas e galegos. Grazas á forza que nos deron as urnas e aos 25 escanos dos que dispomos no Parlamento, impulsamos a creación dunha comisión que deite luz onde o PP só quere sombras.

O noso obxectivo é que a contratación pública sexa transparente e acabar cos chanchullos do PP que pon por diante do interese de todas as galegas e galegos o negocio dun puñado de empresas.

 

Artigo publicado en El Progreso de Lugo, 19 de setembro de 2024.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG