Opinión

Altri e as malas artes do PP

2025031413221849772
2025031413221849772

O DOG publicou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable ao proxecto de Altri en Palas de Rei e malia o que intenta facer crer o Partido Popular desde a Xunta, aínda non é o final do percorrido administrativo que ten que facer esta fábrica de celulosa. Polo tanto, a batalla social e política a favor da Ulloa, do río Ulla e da ría da Arousa non fixo máis que comezar.

Quedan pendentes aínda pasos e informes importantes como a autorización de Augas de Galiza á captación e vertido, a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e o si definitivo do Consello da Xunta. E digo SI intencionadamente porque o Partido Popular deixou moi claro desde o primeiro día que vai dar luz verde á colocación desta bomba ambiental no corazón de Galiza. É xuíz e parte no proxecto de Altri pois foi a propia Xunta de Galiza a través da Sociedade Impulsa a que o promoveu en outubro de 2021.

A pregunta é, por que o Partido Popular teima en impoñer este proxecto en contra da xente e do criterio científico?

Cada vez son máis as voces que se erguen contra a implantación da megacelulosa de Altri en Palas de Rei, non só veciñanza da Ulloa e de toda a bacía do Ulla, non só o movemento ecoloxista e o BNG, mesmo importantes cargos da Xunta. É o caso da exdirectora da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Mercedes Rois. Este alto cargo do Goberno galego co PP até hai ben pouco e enxeñeira de montes publicou un interesante artigo no que advirte das enormes consecuencias que tería a implantación de Altri na Ulloa. "Considero unha equivocación ubicar esta fábrica na contorna do Camiño de Santiago, signo de identidade polo que nos coñecen no mundo enteiro, na Serra do Careón onde hai varias especies vexetais en perigo de extición, e co impacto nas augas (temperatura e químicos) tanto no río Ulla como na Ría de Arousa, unha das máis produtivas da costa galega […] Os 500 postos directos que se estima creará non xustifican esta intervención na paisaxe. E menos se precisa un financiamento público de tal calibre […] O cambio climático é unha realidade preocupante e o único que nos vai facer máis resilientes é esa diversidade, non cultivos monoespecíficos".

Resulta dificilmente comprensible por que o Partido Popular teima en impoñer esta fábrica por riba de todo e de todos. E por que o fai ademais valéndose das malas artes. A última, a desprotección da contorna da Serra do Careón da Estratexia de Infraestrutura Verde. O goberno do PP deixou sen protección o punto exacto no que se ubicaría a megacelulosa en contra da proposta formulada desde o equipo técnico do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).

Así calquera cumpre a lei, se tes da man un goberno que cha fai a medida.

Tampouco sorprende tendo en contra que o mesmo instituto –que ten a súa sede no Campus Terra de Lugo para orgullo colectivo-- defende desde 2011 a catalogación da contorna do Careón como Rede Natura 2000 polo incalculable valor natural que posúe. O 

Goberno do PP leva máis dunha década vetando a súa protección e en xeral a ampliación da Rede Natura en Galiza.

As galegas e galegos gozamos dunha profunda conciencia ambiental e territorial. Ao longo da historia recente os grandes movementos sociais que se organizaron no noso País fixérono na defensa da Terra. Desde a loita contra os encoros, ao rexeitamento do franquismo industrial de ENCE, pasando pola fonda pegada do Nunca Máis.

A de Altri é outra desas grandes batallas sociais.

Hai moita loita por diante na defensa da Ulloa, do Ulla e da Arousa e estou convencida de que se algo pode parar esta bomba ambiental é a forza da xente. 

 

Artigo publicado en El Progreso de Lugo o 20 de marzo de 2025.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG