Opinión

De saber falar e saber estar

Hai poucos días o profesor Monxardín facía chanza nun artigo nestas páxinas dun lapsus linguae en materia de xénero que seica cometín na miña intervención no acto de entrega do premio Celanova Casa dos Poetas ao Parlamento galego. E fixo ben, temos que tomar nota dos erros e aprender, e facelo tamén con humor. Manter a calidade lingüística debe ser unha preocupación de primeira orde. Teñan consigo que o é para min. 

E nesa preocupación teño presente que a lingua constrúe a realidade, algo abondo estudado por diversas materias alén da propia lingüística. Polo tanto, nas miñas intervencións públicas procuro non esquecer a unha parte fundamental da sociedade -nós, as mulleres-, que debemos ser nomeadas para rachar coa ocultación histórica que temos soportado tamén na linguaxe.

No mundo que queremos construír non é un absurdo ter iso en conta. Pola contra, considero que é unha obriga que a linguaxe nos represente, máis aínda nun acto no que a miña foi a única intervención política dunha muller. Non é unha preocupación formal, é unha fonda preocupación ética e política.

Gústame escoitar a quen non pensa coma min e reflexione, -confeso que con certa perplexidade-, sobre as valoracións do señor Monxardín a respecto do que é saber estar e de como se debe falar. 

Na miña intervención en Celanova agradecín que en tempos de descrédito da acción política, onde impera o individualismo sobre o colectivo, se reivindique a forza do diálogo e se valore o pluralismo político. Ao meu ver, nun acto no que se reclama un Parlamento máis aberto para unha sociedade máis informada e crítica, sería un contrasentido limitarse a falar desde unha presunta neutralidade que, sinceramente, penso que non existe. Sería estraño aplaudir un premio á pluralidade e pretender disimulala cando é plenamente compatible coa corrección e o respecto. 

Non penso que estea fóra de lugar lembrar a importancia de que existimos en galego grazas a homes e mulleres como Curros Enríquez. Tampouco recordar que estamos fallando cando a lingua galega é a única do Estado que perde falantes e, por iso, apelar a que sexa o Parlamento quen esixa o cumprimento dos consensos lingüísticos e xere outros novos para gañar falantes. 

Tampouco me parece que estea fóra de lugar lembrar que o autor que dá nome á Fundación Curros foi cronista e sufriu a presión do poder, polo que seguro hoxe reivindicaría a necesidade duns medios públicos dignos. Ou salientar que foi perseguido pola vía penal polos seus poemas. Que máis de cen anos despois da súa morte siga habendo persoas condenadas polas súas letras é o suficientemente grave como para que quen lexislamos nos comprometamos a facer o posible por construír unha democracia avanzada en dereitos de expresión e creación. Por certo, o celanovés foi absolto. 

Podía terme limitado a agradecer a publicación do I Congreso Internacional de Curros do 2001 por serme útil cando estudaba filoloxía. Porén, iso sería esquecer a miña responsabilidade como representante do BNG, unha forza política que, desde a humildade e desde o respecto, ten vocación de achegar para construír unha Galiza mellor. 

Non nos escolleron para aplaudir e limitarme a facelo sería, iso si, non saber estar á altura e desvalorizar o Parlamento galego. Tamén a un Curros Enríquez que quixo crebar as liras.

 

Artigo publicado en La Región o 6 de setembro de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG