Nos últimos días, tres responsábeis do Ministerio de Transportes, incluída a ministra, Raquel Sánchez, anunciaron a intención do Goberno de implantar portaxes nas autovías, que entrarían en vigor a máis tardar no ano 2024.
Para xustificar esta medida, ademais de razóns económicas (compensar os custos de mantemento) esgrímense criterios ambientais que teñen a ver coa transición enerxética e a ‘desincentivación’ do uso do vehículo privado.
Non vou entrar polo miúdo nas razóns de tipo económico; simplemente sinalar que ese é un argumento que pode ser aplicado ao conxunto dos servizos públicos e que neles -imaxinemos, por exemplo a educación ou a sanidade- o ‘pagamento por uso’ suporía unha deriva cara ao neoliberalismo extremo con consecuencias desastrosas para as clases populares e os sectores sociais máis vulnerábeis.
Pola súa parte, en relación coas pretendidas razóns ambientais sería oportuno un debate en profundidade sobre o modelo de transición ecolóxica que parece perfilar o Goberno español, en que semella que non entra a preocupación pola xustiza social.
E o problema non é menor porque, partindo da necesidade de avanzar na descarbonización, un modelo de transición enerxética só para quen a puider pagar terá un efecto demoledor sobre o emprego, o acceso a servizos esenciais e, en definitiva, a calidade de vida e benestar das maiorías sociais.
Indo ás portaxes das autovías: é evidente que non é posíbel ‘desincentivar’ o uso do vehículo privado se non existiren -como acontece na Galiza- alternativas adecuadas de transporte público que cubran as necesidades diarias da poboación e da actividade económica, especialmente con medios eficaces e sustentábeis como os camiños de ferro.
Polo contrario, terá consecuencias socioeconómicas moi negativas nun país con gran dependencia do vehículo particular e do transporte por estrada por non posuír transportes públicos adecuados nin unha rede ferroviaria á altura das necesidades do século XXI.
Baste saber que na Galiza non existen servizos de proximidades en ningunha das áreas metropolitanas, que as conexións entre algunhas das principais cidades son deficientes ou inexistentes (Santiago-Lugo) e que carecemos dunha rede que permita eficazmente o transporte ferroviario de mercadorías. Mesmo, fica aínda pendente a ligazón ferroviaria cos portos de alta capacidade, o que permitiría o impulso ao transporte marítimo dos produtos galegos, especialmente para a Europa atlántica.
Isto nun país que ten unha localización xeográfica periférica na Península Ibérica e en Europa e que precisa, por tanto, sacar por estrada os seus produtos para os mercados europeos ou peninsulares.
Cabe lembrar, ademais, que a Galiza ten o maior número quilómetros de autoestradas de peaxe do Estado, con 2 das 3 autoestradas estatais con concesións de longa duración (AP-9 e AP-53) e que aínda fica por resolver a discriminación que isto implica, máxime tendo en conta que as prórrogas da concesión da AP-9 foron ilegais.
Aliás, está o efecto de aumentar o tránsito nas vías convencionais, xa en moitos casos saturadas e onde se producen a maioría dos accidentes con resultado de morte. Curiosamente, un Goberno que se proclama ‘o máis progresista’ aplica sen chistar as receitas da UE e nin sequera para a avaliar as consecuencias sociais que poden implicar. Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario, mais as peaxes nas autovías terían, sen dúbida, o efecto contrario: maior custo en vidas humanas e tamén maior custo en gasto sanitario e social.
É isto transición xusta? Os ricos sempre poderán pagar as autovías. As peaxes van gravar as clases populares e implicar un sobrecusto para as empresas galegas que continuarían perdendo competitividade. Fica claro que, cando menos sen alternativas previas de mobilidade eficiente e sustentábel, implantar portaxes nas autovías non é unha medida ecolóxica, é antisocial e antigalega; non é ‘verde’, é simplemente unha estafa.
Artigo publicado en Nós Diario o 23 de outubro de 2021.