O BNG presentou emenda á totalidade dos OXE basicamente por seren claramente negativos e discriminatorios coa Galiza. É inaceptable que, sufrindo a nosa nación un déficit histórico en investimentos en equipamentos e infraestruturas, o proxecto de Orzamentos non só non compense ese déficit senón que non atenda a necesidades perentorias do noso País.
Porque os números non enganan. En canto o orzamento global se incrementa en 19,4% e os capítulos VI e VII en 138%, redúcese o investimento directo no noso País en 11,4% a respecto das contas do PP de 2018, xa claramente insuficientes. O investimento territorializado na Galiza fica nos 832 M€, moi lonxe das necesidades urxentes que temos e 105 M€ menos que no último aprobado.
Reparemos ademais que a maior parte das Comunidades Autónomas ven incrementado o investimento, algunhas de forma significativa: Murcia, 83%; Asturias, 63%; Valencia, 57%; Navarra, 56%; Cataluña, 48%; Andalucía, 45%. Galiza desce 11%. Ademais, o noso País padece un sistema de financiamento inxusto en función do cal realiza unha achega neta ás arcas do Estado de aproximadamente 4.000 millóns de euros cada ano. No entanto, os recursos que recibirá do sistema de financiamento autonómico baixan en 1,6% a respecto de 2020. 125 M€ menos.
Un agravio co noso País, evidente tamén nos investimentos en infraestruturas. A pesar de que o MITMA incrementa os investimentos máis de 50%, na Galiza caen de forma significativa e manteñen a constante dos gobernos españois -dun ou outro signo- de discriminar o noso País. Unha das escasas notas positivas é existencia das partidas para as bonificacións das portaxes da AP-9, 55 millóns que figuran grazas á persistencia do BNG. Non serve o argumento de que os investimentos superiores de anos anteriores se xustificaban pola Alta Velocidade. Para comezar porque a Galiza ten grandes necesidades en materia ferroviaria que van alén do AVE, porque a prioridade debe ser articular a mobilidade interior, de forma sustentábel, cunha rede moderna e eficaz. A realidade é que a maioría das liñas se achan en estado de abandono. E a pesar diso, coa excepción da Ourense-Lugo, o Goberno non prevé partidas para modernizalas. Tampouco para novas conexións imprescindíbeis. E o mesmo acontece coas infraestruturas viarias. Aliás, o BNG é crítico con outros aspectos dun proxecto en que, en plena pandemia sanitaria -sen computar os fondos europeos- máis de 40% dos investimentos reais do Estado se destinan ao ámbito militar e se incrementa o orzamento da Casa Real en 6,9%.
Por exemplo, que non se aproveitase para derrogar a reforma laboral e non se suprimise a Taxa de reposición de efectivos para poder reforzar a sanidade pública. Ou que o imposto de Patrimonio se suba a partir de 10 M€ e non de 1 M€. Ou que non se modificase o IRPF para evitar prexudicar as persoas con rendas máis baixas e máis dun pagador e resolver o inxusto tratamento fiscal aos emigrantes retornados. Tampouco se soben as pensións mínimas para equiparalas ao SMI e fica curto o incremento para financiar a Lei de dependencia...
En definitiva, menos en investimentos, menos en financiamento autonómico e escaso compromiso en políticas sociais e verdadeiramente transformadoras.
Voltamos a constatar que o noso país non encontrará a solución aos seus perentorios problemas no marco xurídico-político actual. Ter capacidade para decidir de forma soberana sobre os nosos propios recursos e marcar as prioridades é fundamental para poder seguir avanzando, pois o Estado volta a dar as costas ao noso País e á maioría social do noso pobo.
De ningún xeito podemos considerar 'sociais' uns orzamentos que nos discriminan e non atenden as necesidades dos galegos e galegas. É absolutamente inaceptable e por iso o BNG presentou emenda á totalidade e presentará emendas parciais, porque non renunciamos a poder mellorar os orzamentos en beneficio da Galiza. Mais para iso o goberno ten que moverse e corrixir o trato que dá ao noso País. É o que esperan os galegos e galegas.
Artigo publicado en Nós Diario o 13 de novembro de 2020.