Como trata o Estado a nación galega?
Embora o título pareza suxerilo, non vou entrar neste momento a analizar as causas profundas e as consecuencias da inserción dependente da Galiza no Estado. Tan só, ao fío do debate producido nestes días no Congreso, repasar algúns elementos que, sendo conxunturais, son tamén -hoxe como hai dez ou vinte anos; con gobernos do PP ou do PSOE- expresión desa dependencia. Por iso me pareceu oportuno comezar por deixar explícito algo tan básico como que a miña nación é a Galiza e que o BNG está no Congreso para defender de forma permanente os intereses do noso pobo e da nosa xente, mais tamén para traballar por que máis cedo do que tarde o estado da nosa nación non se decida en Madrid, senón que o poidamos decidir os galegos e galegas en función dos propios intereses de forma libre e soberana.
A primeira constatación é que a Galiza estivo ausente da intervención do presidente do Goberno español, sendo que abordou medidas para atallar a deriva inflacionaria e as súas consecuencias, anunciando proxectos industriais punteiros, plans de vivendas e infraestruturas con ubicacións concretas noutros puntos do Estado ou PERTEs que moverán millares de millóns e dos que o noso País, infelizmente, se vai beneficiar máis ben pouco. E a pesar de que na Galiza temos 11,1% de inflación -un punto por encima da media do Estado español-, unha crise industrial que ameaza con se cronificar, sectores produtivos básicos ameazados, unha sangría migratoria sen horizonte para estañar ou un déficit histórico en infraestruturas, especialmente de transporte público ferroviario.
O BNG colocou no debate os problemas da Galiza e as actuacións precisas para resolvelos
Unha ausencia, é claro, que está en consonancia coa desatención do Goberno español polos problemas da Galiza e que se reflicte, por exemplo, en orzamentos inxustamente baixos -como o de 2021, o máis baixo en 17 anos- e cun 67% de execución -mentres en Madrid foi de 184%, case o duplo do orzamentado- ou no desinterese por cumprir a totalidade -non só algunhas medidas, mesmo que sexan importantes- do Acordo de investidura.
Sabemos que se hoxe as persoas usuarias habituais da AP-9 pagan a metade do que hai un ano é grazas a ese acordo e á perseverancia do BNG. Ou se se avanza na dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo, ou se se licita a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, por colocar algúns exemplos. Mais, para alén de non concordarmos coa afirmación realizada por Sánchez de que levan cumpridas 21 das 40 medidas do Acordo -salvo que deamos por válidas as “solucións” á industria electrointensiva, ao naval de Vigo e Ferrol, Alcoa ou a transición xusta das Pontes e Meirama, poñamos por caso, e é claro que non- nunca renunciaremos a reclamar o cumprimento da totalidade dos compromisos estabelecidos coa Galiza nin tampouco a denunciar os incumprimentos.
Sabemos que se hoxe as persoas usuarias habituais da AP-9 pagan a metade do que hai un ano é grazas a ese acordo e á perseverancia do BNG
Por iso, máis unha vez, o BNG colocou no debate os problemas da Galiza e as actuacións precisas para resolvelos, con proxectos para reverter a grave crise industrial; garantir a capacidade produtiva, hoxe ameazada, na pesca ou no sector agrogandeiro; recuperar o atraso en infraestruturas e servizos, especialmente na rede interior dos camiños de ferro e a implantación das ‘Cercanías’ ferroviarias nas áreas metropolitanas; rescatar a concesión da AP9 e transferila para ter unha autoestrada galega e libre de portaxes; unha solución rápida á A6; resolver o problema dos emigrantes retornados coa Facenda española; crear tres novos xulgados de violencia de xénero, en Compostela, Lugo e Ourense; frear o boom eólico depredador e implantar unha Tarifa Eléctrica Galega; transferir a totalidade das competencias pendentes ou respectar a lingua galega, por exemplo.
Mais tamén levamos ao debate as necesarias medidas estruturais para facer frente á escalada inflacionaria para lograr que esta crise non volten a pagala as clases populares. Precisamente, denunciamos que o Goberno se veu limitando a medidas paliativas, de carácter temporal, que sempre cualificamos como insuficientes e, infelizmente, a realidade veu a darnos a razón. Hoxe a presión social empurra o Goberno a anuncios na dirección do que o BNG reclama cando falamos de impostos ás grandes empresas enerxéticas, á banca ou ás grandes fortunas. Claro que eles falan só de impostos temporais e sobre os “beneficios extraordinarios”. Veremos en que fica, porque a credibilidade do PSOE e Podemos nesta materia, tras a marcha atrás de 2021 fronte ás ameazas do oligopolio eléctrico, non leva a ter moita confianza na súa aplicación.
Artigo publicado en Nós Diario o 15 de xullo de 2022.