Opinión

Efecto PO2. Medicina preventiva

Efecto-PO2-A
Efecto-PO2-A

O planeta clama auxilio, está enfermo e o seu sistema vital vai camiño do colapso. Permítanme o símil médico, pero a emerxencia climática da que tanto escoitamos falar ultimamente ben podería compararse coa enfermidade no corpo humano. Sei do que falo. Non é a primeira vez que menciono a "enfermidade" urbana do noso tempo poñendo como exemplo o sistema sanguíneo afectado polo colesterol. Ao explicar o modelo urbano de Pontevedra no exterior, teño comparado as veas obstruídas que provocan enfermidades cardíacas coas rúas cheas de coches que saturan as cidades.

Neste caso, conclúo que unha vez feito o diagnóstico é preciso reducir os excesos ás cantidades axeitadas, tanto de colesterol no corpo como de coches na cidade, xa que da importancia que o correcto funcionamento do sistema circulatorio ten na saúde humana ninguén dubida.

De igual xeito poderiamos falar do aparato respiratorio, da súa función no intercambio de dióxido de carbono por osíxeno, que en Pontevedra poderiamos comparar con accións como a preservación das condicións naturais da contorna dos ríos Lérez, Rons e Gafos, a creación de sendas en áreas naturais, e os proxectos dos grandes parques forestais que se desenvolverán na Tomba e na Fracha.

Traballamos tamén en sistemas de eliminación de residuos que devolvan á terra substancias necesarias para a súa nutrición, como é o sistema de compostaxe, ao igual que os riles, coa súa complexa maquinaria de purificación, eliminan excesos e manteñen o equilibrio de auga, sales e minerales no organismo humano. E que dicir da importancia da auga, o corpo humano componse nun 50-70% de auga (depende da idade da persoa), e do tesouro que supoñen para o noso planeta os recursos hídricos.

Así, traballamos e seguiremos traballando na recuperación da ría, sen descoidar todo o que xa levamos avanzando no ciclo da auga, evitando que se malgaste coa renovación da rede de abastecemento e minimizando as fugas. Podería falar tamén da febre, esa subida de temperatura corporal que nos avisa de infeccións e doenzas, e contra a que esta cidade leva loitando 20 anos, acadando unha redución do 67% de emisións de CO2, emisións que todos sabemos que son unha das principais causas de quecemento do planeta.

O corpo humano está exposto constantemente a contraer enfermidades de diversa índole que provocan unha alteración estrutural ou funcional dalgún órgano. Así entendemos, por exemplo, a actividade de empresas contaminantes na nosa contorna, nesa contorna que nós nos esforzamos con tanto empeño en manter sá e equilibrada.

O goberno municipal de Pontevedra sempre acreditou na medicina preventiva, por iso Pontevedra leva xa varios lustros sendo referencia en cidades de practicamente todos os continentes polas súas políticas urbanas e medioambientais. A medicina preventiva vai máis aló do coidado para previr a enfermidade, ten tamén unha enfoque proactivo de atención ao doente, isto é, céntrase na proteción e promoción da saúde tanto individual como comunitaria.

E niso estamos. Pontevedra leva moito traballo feito e quere seguir sendo pioneira na loita contra o cambio climático: actuar localmente para cambiar globalmente foi o noso compromiso durante dúas décadas. A nosa liña de traballo seguirá estando  comprometida coa defensa dos valores da 'mediciña preventiva' fronte aos factores que agravan a emerxencia climática.

Este é o espírito da campaña PO2, que reivindica a loita local e colectiva para demandar compromisos reais por parte das institucións competentes e sen dependencias de intereses privados. O momento é agora e Pontevedra é o lugar. Todas as persoas, organizacións e axentes socio-económicos desta cidade debemos facer oír a nosa voz e reclamar o imprescindible compromiso ecolóxico que o noso planeta precisa con urxencia.

 

Artigo publicado en Pontevedra Viva o 27 de setembro de 2019.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG