Opinión

Hai moitas “manadas”

26759740418_4fec478388_k
Manifestación en Vigo

Esta semana, as parlamentarias do Partido Popular compareceron á nosa mesa de xantar a través do telexornal para esixirlle á parlamentaria portavoz do BNG, Ana Pontón, que retirase as súas palabras. Por sorte para nós, Pontón mantivo o que dixera: “hai moitas “manadas”, hai “manadas” na xustiza, hai “manadas” na política e hai “manadas” nas institucións”. Porque o que di Pontón dicímolo nós e berrámolo na rúa: A “manada” é o sistema, pois cómpre evidenciar que somos vítimas da violencia institucional.

Señoras, e señores, do PP, acaso non len, escoitan, ven o que sucede? Ou non queren ler, escoitar, ver?. Son moitas as chamadas de atención que as mulleres vimos realizando para que haxa cambios substanciais que redunden na mellora da situación en que se atopan as vítimas. Vaian ás hemerotecas. Non teñen que ir moi atrás. Ou si. O tema fede, de vello (1).

E teñan en conta que, como goberno da Xunta son, daquela, responsábeis de adoptar medidas. Así que non se alporicen cando escoiten que a parlamentaria Ana Pontón di, coma moitas de nós, que “hai moitas “manadas”. A súa reacción só consegue pór de manifesto a súa mala conciencia, ou sexa, a conciencia de que non están a facer o que até os convenios internacionais recollen desde hai anos e, iso, convérteos en parte do problema.

E o problema é este: en 2017, 52.200 mulleres foron vítimas de violencia de xénero. Cada día foron asasinadas cento trinta e sete. 137 cada día. Cada hora producíronse seis feminicidios. 6 feminicidios cada hora. Son datos da ONU. En todo o mundo. Cal será a realidades cando estas son as estatísticas oficiais? Porque estas estatísticas non lembran a Javier nin a Pablo, nenos asasinados polos seus pais, vítimas mortais da violencia institucional que esqueceu que se é un maltratador non é un bo pai, como dicía este vinte e cinco a campaña do concello de Pontevedra.

No Estado español hai outra media arrepiante: mil mulleres violadas cada ano, tres cada día. 3 mulleres cada día. Son datos do Ministerio do interior. Datos oficiais. E as violacións e agresións que non chegan a ser denunciadas, cantas serán? E por que non denuncian? Saben a resposta, porque despois da violación vén a violencia, a violencia institucional.

Escribo e sinto a miña propia frustración. Sei que estou a repetirme. Levo desde 2013 tratando este tema nun e noutro artigo. Hai xustamente dous anos falaba disto mesmo e escribía:  “…non doutro xeito pode ser cualificada a actual situación que leva á desprotección das mulleres. Falamos de só dous xulgados de violencia de xénero, con tan poucos recursos e acumulando tanto atraso na resolución de conflitos que están a prexudicar gravemente ás mulleres, que acaban por ser vítimas dúas veces. Falamos dunha situación que fai que a propia titular do xulgado de Vigo teña que denunciar publicamente as condicións en que teñen que traballar ou a falta de comprensión da súa tarefa e dos padecementos das mulleres que acoden aos xulgados.” (considérese que isto podería ser considerado incumprimento do Convenio de Estambul de 2011).

Mudou algo desde entón? Coido que non, seguimos cos mesmos poucos recursos, con só dous xulgados, cos mesmos atrasos ou maiores na resolución de demandas e denuncias que prexudican ás mulleres. Dous anos, máis mulleres mortas, a mesma situación.

Na sala do xulgado de violencia reservada para as vítimas, nas longas horas de agarda, acaban por compartir a súa tortura. Hai un lugar común, o tempo que transcorre, os anos que van pasando sen que a situación acabe de fecharse. Aquela sala é o lugar en que se refuxian as numerosas veces que, durante anos, deben volver ao xulgado de violencia. Porque pode ser que a vista para o divorcio se celebre relativamente rápido (un ano ou ano e medio é rápido?), mais o xuízo por maltrato tarda máis e esixe unha fortaleza que elas non teñen e que só poden conseguir apoiándose na familia e nas persoas máis próximas. E aínda quedará a liquidación da sociedade de gananciais se ese fose o réxime do matrimonio. Outro suplicio en que haberá que discutilo todo, todo, todo, até as facturas que pagaron os fillos.

E así pasan os anos, dous, tres, catro, cinco, seis… é posíbel soportar a carga emocional que supón saber que terás que volver a te enfrontar co teu maltratador porque a túa situación está aínda sen resolverse?, porque segues vivindo de prestado?, porque os teus fillos non reciben a pensión? É xusto que o xulgado che embargue os escasos aforros que gardas cando che esixen o pago das custas e que ti sigas sen que se execute a sentenza que especifica a contía da pensión, porque o teu maltratador aboa a cantidade que lle dá a gana? Que te cruces con el a unha distancia inferior á marcada pola orde de afastamento? Que te durmas e te ergas coa sensación de que despois de ser maltratada durante tantos anos, es ti a que sofre as consecuencias económicas e sociais, mentres el se pasea tranquilamente e se atreve a desacreditarte a ti e aos teus fillos ante as persoas que coñeces?...

Non saben como chamarlle a isto? Dígollo eu: violencia institucional. Ou dito doutro xeito: hai moitas “manadas”.

(1) Unha pequena escolma de entradas, textos e artigos que nos falan de violencia institucional podería ser esta:

Wikipedia. Recolle a acepción en español:  “A violencia institucional é aquela violencia física, sexual, psíquica ou simbólica, exercida  abusivamente por axentes e funcionarios do Estado en cumprimento das súas funcións, incluíndo normas, protocolos, prácticas institucionais, descoidos e privacións en rexemento dunha persoa ou grupos de persoas.” Nesa mesma entrada, só unha liñas máis abaixo, cando explica a taxonomía da violencia de Garver e Friedenberg, lemos: “A violencia de xénero, o abuso infantil, ou a discriminación, por exemplo, poden tomar a forma de violencia persoal aberta, pero tamén a forma de violencia institucional encuberta. Esta última é moito máis difícil de recoñecer.”

Jacqueline Fernández, profesora de dereito da Universidade Privada Gran mariscal de Ayacucho e representante de Amnistía Internacional en América latina e o Caribe, no artigo “Violencia institucional contra las mujeres: vulnerables y revictimizadas” de 24 de xullo de 2017, escribe: “o Estado é responsábel por accións como malos tratos, golpes, tortura, violencia sexual, etc. cometidos polos seus axentes, tamén o é cando  omite brindar a protección e atención debida ás vítimas, cando permite a impunidade e tamén cando obstaculiza o acceso a calquera dos dereitos humanos dos mulleres, a través de prácticas discriminatorias e obstrucións indebidas.”

Tamén contamos con textos da ONU que foron escritos tendo en conta a existencia da violencia institucional. Así o Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, Estambul, 2011. Neste Convenio, no artigo 49, establécese como obrigas xerais a adopción de “medidas lexislativas ou doutro tipo necesarias para que a investigación e os procedementos xudiciais relativos a todas as formas de violencia incluídas no ámbito de aplicación do presente Convenio se leven a cabo sen demoras inxustificadas…”. Tamén di que se “adoptarán as medidas lexislativas ou doutro tipo necesarias, de conformidade cos principios fundamentais dos dereitos humanos e tendo en conta a perspectiva de xénero neste tipo de violencia, para garantir unha investigación e un procedemento efectivos polos delitos previstos no presente Convenio.”

Podemos consultar tamén a Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer. Adoptada y abierta a la firma y ratificación, o adhesión, por la Asamblea General en su resolución 34/180, de 18 de decembro de 1979,

Na prensa española podiamos ler, a principios de ano, un artigo de Lidia Falcón titulado “Violencia institucional”. Nel lemos que: “Hai países que aprobaron unha lei de violencia contra a muller en que inclúen a violencia institucional,  tipificada como a que exercen as institucións negándose a protexer a vítima cando acode a solicitar o seu amparo.” E remata dicindo: “A violencia institucional contra as mulleres está tamén institucionalizada.”

Máis completa é a reportaxe da xornalista e profesora da Universitat Overta de Catalunya Ana Bernal-Triviño. O seu traballo titúlase “A violencia institucional, a gran impune na violencia de xénero” e fala de que esta violencia se debe a: “Recortes orzamentarios, cuestionamento do testemuño, ofrecer información inadecuada, falta de formación de xénero, presupoñer que é unha denuncia falsa,  androcentrismo da xustiza, falta de vontade política…” Indica que só Catalunya recolle na súa lei a violencia institucional e, finalmente, para ilustrarnos completamente, pon exemplos concretos: o asasinato da filla de Ángela González polo seu pai maltratador ou o caso de Juana Rivas separada dos seus fillos.

 

Artigo publicado en Terra e Tempo o 27 de novembro de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG