O centralismo fixo moito mal ao noso país. Xa o deixou claro Celso Emilio: Nunca virá de fóra remedio ou esperanza. No goberno, na política, na cultura, na identidade, as visións centralistas asumen a idea de que Galiza non pode valerse por si mesma, de que non poderemos chegar a ser nada sen o subsidio, o paternalismo, a tutela de poderes alleos. Os partidos estatais e as súas filiais e franquicias teñen a función de xestionar e recoller os froitos da vasalaxe e da submisión.
Fronte a esta visión acomplexada e empobrecedora, o nacionalismo galego debe seguir tendo a capacidade de combinar a defensa insubornábel do país, o compromiso inquebrantábel coa radicalidade democrática, o orgullo da pertenza a unha nación viva, a arela da transformación, o progreso e a equidade, a interlocución en pé de igualdade con outros pobos e culturas, e a audacia de procurar sempre camiños novos. Soñar grandezas para Galiza e facer realidade os soños, en palabras do Luís Seoane que foi quen —con Isaac Díaz Pardo— de construír empresas nacionais que temos a obriga de coidar, defender e deixar en herdanza.
Nos últimos tempos un novo andazo corroe a sociedade galega: unha couza que mina as estruturas de cohesión nacional e social, que se alimenta do egoísmo e da curtedade de miras, e que pon o interese particular e partidista por diante do ben colectivo. A alianza das materias inflamábeis do populismo e do localismo constitúe un cóctel explosivo e rendíbel, como demostrou no seu tempo un alcalde reaccionario como Paco Vázquez e como está a poñer de manifesto agora un rexedor igualmente reaccionario e histriónico como Abel Caballero.
Cando a rendibilidade eleitoral e o beneficio partidista son a única vara de medir, córrense riscos e aliméntanse monstros que poden ter consecuencias devastadoras. Pode ser que se constrúan ídolos con pés de barro, como xa aconteceu en Coruña e pode tamén pasar en Vigo. É por exemplo unha quimera delirante pensar que a grande cidade do sur vai liderar a súa área metropolitana ou vai ser unha forza tractora da modernidade e da innovación galega se se pecha en si mesma, se se enfronta cos concellos veciños, se lle dá as costas á Universidade, se non se proxecta con intelixencia, con ambición e con audacia cara ao mundo.
A permanente liorta na que están instalados a Xunta e do Concello de Vigo está a paralizar servizos e infraestuturas vitais para o país, privando as persoas de dereitos e deteriorando gravemente a imaxe das institucións. O confronto partidista pode ter réditos no inmediato pero na distancia longa acaba perdendo a xente. E acaba perdendo Vigo e Galiza enteira, porque se van abrindo costuras que vai ser difícil reconstruír.
Artigo publicado en Sermos Galiza o 6 de setembro de 2018.