Nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba "rexionalismo" non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas. Con este limiar escribiuse o 17 e 18 de novembro de 1918, en Lugo, a acta fundacional do nacionalismo galego, nucleado arredor das Irmandades da Fala.
Galiza incorporábase así aos movementos de afirmación nacional que naquela altura percorrían Europa, con Irlanda como principal símbolo da loita dos pobos pola independencia. O programa político das Irmandades e da Declaración Nazonalista de Lugo era rotundo, con propostas como a autonomía integral para Galiza, a igualdade de dereitos da muller, a creación do poder autónomo, o rexime de concerto económico, o recoñecemento da personalidade xurídica das parroquias, a eliminación das deputacións provinciais, a nacionalización do ferrocarril, competencias plenas en materia de xustiza ou a potestade docente do poder galego.
Na resolución ocupa un lugar propio a “soberanía estética da nazón galega”, con propostas tan avanzadas como a organización do ensino artístico, a expropiación de monumentos e paisaxes, e a regulamentación das construcións urbanas e rurais dacordo co estilo xeral de cada unha das vilas galegas.
Foi un tempo inaugural, que viña precedido dunha andaina previa de xestación e construción, e que deu grandes froitos nos 18 anos seguintes, nos que Galiza experimentou avances en materia agraria, en investigación, no eido cultural ou no industrial. O Seminario de Estudos Galegos, creado en 1923, é o mellor símbolo dun país en proceso de afirmación e de modernización. A fundación do Partido Galeguista en 1931 é a expresión dun novo tempo político e da necesidade de que Galiza ande o seu propio camiño, en pé de igualdade coas demais nación e pobos.
O fascismo devastou aquela aurora nacional, aquel tempo de esperanza. Reduciu a cinzas os símbolos e as ideas, arrasou as institucións creadas e aniquilou a mellor xeración da nosa historia. E comezou a travesía do terror, do desterro, da dominación, do expolio, do odio e do autoodio. Da imposición violenta de prácticas, de ideais, de símbolos e de valores que enraizaron profundamente na nosa sociedade.
A atalaia dos cen anos é unha boa oportunidade para mirar atrás, para sentir orgullo dos homes e mulleres que construíron a nación e sementaron a esperanza. Non é tempo de lamentación nin de ensimesmamento nostálxico. Nin de axustar contas co pasado. É o tempo de querérmonos, de recoñecérmonos en décadas de loitas e de logros.
É a hora da afirmación e da coraxe, da rebeldía e da confianza. Precisamos mirar cara adiante, imaxinar un país xusto e libre, construír unha armazón sólida de sentimentos e de ideas, sumar vontades na inmensa e fermosa tarefa que temos por diante.
Artigo publicado en Sermos Galiza o 15 de outubro de 2018.