A estratexia do medo

Estamos nun tempo de urxencias, de emerxencias. No social coas consecuencias dunha crise que foi a escusa para un xigantesco axuste de contas e un desigual reparto da riqueza: a regresión de dereitos e liberdades sociais e laborais, o desmantelamento dos servizos públicos, a precariedade vital, o cuestionamento do sistema público de pensións, a dificultade de acceso á vivenda, a explotación laboral, a discriminación das mulleres. No nacional polas consecuencias dramáticas da dependencia: espolio do aforro, dos recursos enerxéticos ou mineiros, das infraestruturas de comunicación, devalo demográfico, destrución das expectativas de vida no rural, asfixia de sectores produtivos estratéxicos… Xorden ademais novas fronteiras da disputa do poder e da loita pola igualdade coa potente irrupción do feminismo no escenario público, con demandas que xa non se poden adiar nin camuflar. E novas emerxencias asociadas aos desafíos do cambio climático, da ruptura dos equilibrios ambientais, a ameaza da seca, dos lumes…

No actual momento histórico a principal emerxencia que temos que encarar ten que ver coa democracia mesma. Co brutal proceso represivo e regresivo que puxo en marcha o Reino de España coa participación ou a connivencia dos principais partidos políticos estatais. Unha ofensiva autoritaria da que participa todo o aparato institucional e todas as instancias do poder: a monarquía, o exército, o goberno, a administración de xustiza, os grandes medios de comunicación…

Unha deriva profundamente reaccionaria que é a resposta antidemocrática dun Estado sumido nunha profunda crise, agravada pola enxurrada de corrupción que o enmerda todo porque forma parte da esencia mesma da engrenaxe, desde a súa orixe monárquica e constitucional. Un sistema corrupto, inxusto e cruel, que se prega sobre si mesmo e reacciona con extrema violencia contra quen o cuestiona.

É a estratexia do medo. A utilización do código penal e da lei mordaza para perseguir liberdades fundamentais, dereitos esenciais nunha democracia. O emprego desmedido e abusivo de delitos como a incitación ao odio ou o enaltecemento do terrorismo para perseguir grupos musicais que verten nas súas cancións a carraxe e a ira. A persecución penal de sindicalistas que defenden na rúa as conquistas da clase traballadora. O procesamento de líderes políticos e cargos públicos e a privación preventiva de dereitos fundamentais coa escusa dunha violencia hipotética e dunha rebelión inventada. A prohibición de exposicións e de libros que mostran verdades incómodas. As multas a mozos e mozas por manifestarse, por pintar murais ou por facer ondear estrelas vermellas nos estadios. As condenas de cárcere por queimar fotos do Rei. A represión sistemática, continua e cotía coa intención de amedrentar, someter, dobregar, impoñer a censura e a autocensura.

Porque queren un pobo silenciado, unha sociedade paralizada e domesticada. Mais non o van conseguir. Porque nos move a vontade firme de defender, día a día e palmo a palmo, coa forza pacífica da palabra, cada unha das conquistas, cada un dos dereitos. Porque fronte á súa violencia opomos a fortaleza das conviccións e a dignidade de non dobregarnos. Porque non temos medo e queremos ser persoas e pobos libres.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 30 de maio de 2018.