Durante moito tempo pensouse que o tesouro de Rande estaba no fondo das augas da enseada de San Simón. A súa procura deu lugar a múltiples expedicións de rescate e a numerosos relatos de fición. Mais despois de tantos avatares históricos e literarios, despois de máis de dúas centurias de busca, vimos a saber que o verdadeiro tesouro non está no fondo do mar senón na ponte que cruza a ría, na ponte cuxa ampliación se inaugurou vergoñentamente no último día hábil do ano para favorecer os intereses da concesionaria da AP 9.
Asistimos o sábado 30 de decembro ao último capítulo –polo momento- dunha infamia, dunha serie interminábel de decisións de sucesivos gobernos do Estado- coa complicidade e a submisión da Xunta do PP- para perpetrar un auténtico expolio e explotar o filón das abusivas peaxes. A denuncia da navallada semella unha acusación un tanto inxenua para todo o que veu despois. Aquilo non era unha navallada, era un roubo legalizado nos despachos oficiais e no BOE, un expolio que ten todas as trazas dunha administración colonial..
Comezando pola ampliación da concesión até o máximo legal dos 75 anos, perpetrada no ano 2000 polo goberno do PP, a privatización e venda en 2003 ao módico prezo de 1.586 millóns que foron para as arcas do Estado, os incrementos abusivos das peaxes moi por riba da suba do IPC, as vantaxes fiscais das que disfruta AUDASA (bonificación do 95% do IBI que ten que pagar aos concellos, rebaixa do Imposto de Sociedades), os convenios para obras que ampliación que serven para que a concesionaria siga facendo caixa…
A vergoñenta inauguración da ampliación prodúcese cando non estan ainda rematadas as obras, cos novos carrís sen iluminación, coas parroquias de Trasmañó, Chapela e Teis pendentes de melloras comprometidas, e despois de meses de explotación laboral con ritmos e horarios de traballo intensivos e en condicións extremas, que provocaron varios accidentes graves e unha vítima mortal. Todo co único obxectivo de beneficiar de novo á concesionaria, pois a cláusula sexta do convenio asinado en 2011 establece que a suba do 1 por cento das peaxes para pagar as ampliacións de Rande e Compostela aplicarase durante un periodo máximo de 20 anos a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte ao que estean rematadas as obras e se faga a posta en servizo dos novos carrís. Deste xeito, grazas a esta inauguración in extremis, AUDASA poderá aplicar as subas dos convenios de 2011 e 2013, que xunto co IPC, ascenderá ao 3,81%.
Por iso, o 2018 ten que ser o ano dunha nova batalla de Rande. Mais esta non é unha batalla naval. É un combate pola dignidade colectiva, pola denuncia da aldraxe continuada ao noso país, do saqueo e da estafa que supón a xestión e a explotación da principal infraestrutura galega por un grupo empresarial foráneo liderado por un fondo voitre estadounidense que ten un nome que o di todo: CAPITAL CORSARIO. Un grupo empresarial que leva acumulado máis de 700 millóns de euros de beneficios pola explotación da autoestrada, que obtivo o pasado ano 46 millóns de euros de beneficios despois de impostos, que recada cada día 380.000 euros en peaxes, e que prevía no ano 2011 ingresar máis de 9.500 millóns de euros até 2048 (dos que aproximadamente unha terceira parte serán beneficios). Un grupo empresarial que cada vez gaña máis e gasta menos en persoal e conservacion da vía, e que presta un mal servizo con absoluta impunidade e coa complicidade das administracións estatal e galega. Aínda estamos agardando polos resultados da auditoría anunciada en 2014 polo Ministerio de Fomento, e por algún expediente sancionador derivado das reiteradas retencións que se producen en Rande ou nas cabinas de pagamento.
O ano 2018 ten que ser o da batalla pola transferencia da AP 9, pola xestión desde Galiza desta infraestrutura estratéxica, polo rescate da concesión e a redución progresiva das peaxes. Ten que ser un ano de loita social e institucional para acabar con esta vergoña, para pararlle os pés a AUDASA e poñer luz nas zonas escuras das obras de ampliación de Rande. E o feito de que os novos carrís carezan de luminarias é todo un símbolo dos negocios que se fan nos despachos de Madrid e na rede de sumidoiros do Estado.
O BNG vai dar esta batalla en todas as frontes e con todos os medios ao noso dispor. Con ánimo, con fortaleza, con orgullo de pais. Para que definitivamente o tesouro de Rande, o que atravesa a ría, estea en mans galegas e para que os beneficios xerados pola autoestrada redunden en beneficio de Galiza.
Artigo publicado en Sermos Galiza o 30 de decembro de 2017.