O libro galego precisa un cambio político

Libros

A situación do libro galego foi sempre un bo termómetro do estado de Galiza como país con conciencia de seu, do esplendor literario, do dinamismo cultural e da galeguización da nosa sociedade. O libro galego, tanto de creación como de investigación e divulgación, só foi posíbel grazas ao compromiso activo e á xenerosidade dunha minoría intelectual con conciencia que nunca lle faltou a Galiza en todos os períodos da súa historia; e, naturalmente, a existencia do libro galego foi posíbel, así mesmo, polo apoio entusiasta dun público lector con fame de cultura en lingua galega, aquí e alén mar, na Galiza emigrada ou exiliada.

O libro galego todo llelo debe ás escritoras que, como Rosalía de Castro ou Xohana Torres, ousaron escribir nunha lingua proscrita, e tamén a editores como Ánxel Casal, Luís Seoane, os irmáns Álvarez Blázquez, Fernández del Riego ou Francisco Pillado, que traballaron arreo para poñer nas nosas mans algunhas das mellores obras da nosa poesía, da nosa prosa ou do ensaio galego contemporáneo. Grazas a cantas persoas escribiron ou editaron libros na nosa lingua puidemos dar un paso adiante como pobo, coñecer mellor o noso pasado, ter máis consciencia do presente e soñarmos outro porvir, ser persoas máis libres e construír pensamento crítico. Para as que queremos unha Galiza diferente, próspera e moderna, dona de si e do seu futuro, ningún tesouro é máis valioso que o dun pobo que le, e que le na súa lingua propia. Por iso o galeguismo e o nacionalismo galego sempre dedicaron a esta cuestión un esforzo inxente. Talvez por esa mesma razón Alberto Núñez Feijoo nunca situou como unha prioridade da acción dos seus gobernos o apoio ao libro galego, á creación, á edición, a facelo visíbel e a crear cada día máis lectoras e lectores en lingua galega. Nas súas prioridades políticas non está o libro galego porque tampouco está Galiza como país.

O compromiso de Feijoo co libro galego mídese en cifras, no retroceso dos títulos que cada ano se publican en galego, nas editoriais que pechan, na diminución dos fondos da Xunta para a edición en galego, nas librarías que desaparecen por toda a xeografía galega, no número de programas dos medios públicos que teñen o libro como protagonista, na ausencia nas feiras internacionais e no retroceso de público lector na nosa lingua. Unha boa mostra do desinterese de Núñez Feijoo polo libro galego é a (falta de) aplicación da Lei do Libro e da Lectura que o goberno bipartito aprobara no 2006 a iniciativa do BNG. Velaí outra oportunidade perdida como país, porque o noso desenvolvemento tamén se mide polo lugar que o libro e a lectura ocupan na sociedade, e a xulgar polo espazo que o libro galego ten entre nós, nos escaparates das librarías, nos programas da TVG, nas páxinas dos periódicos ou nas nosas lecturas, podemos afirmar que nos últimos dez anos retrocedeu a pasos axigantados a respecto das metas que conquistaramos antes da chegada de Alberto Núñez Feijoo á Xunta de Galiza. O libro galego necesita outro futuro. O libro galego tamén precisa un cambio político.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (08-02-2018)