Tarifa única da luz no Estado? Pois non

Ao fío do debate encetado pola Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola CIG, sobre unha Tarifa Eléctrica Galega e medidas concretas contra a Pobreza Enerxética, o Presidente do Goberno Galego declarou, recentemente que, no Estado Español non se entendería que se pagase pola luz prezos diferentes segundo o territorio no que se viva, porén, das desigualdades en salarios, pensións, carburantes, infraestruturas, etc., non dixo nada.

Mais tampouco acerta no prezo da luz, as Leis do Sector Eléctrico, tanto a do ano 97 como a máis recente do 2013, recollen a posibilidade de suplementos territoriais, de xeito que, o recadado por impostos autonómicos á actividade eléctrica poderá cargase nun suplemento territorial ao conxunto da poboación desa Comunidade (este mesmo criterio pódese aplicar aos impostos locais).

Mesmo o Tribunal Supremo vén de obrigar á posta en vigor deses suplementos, para o ano 2013, e xa, o BOE do 26 de xaneiro deste ano, recolle unha Orde Ministerial para a súa aplicación en catro Comunidades: Castela-A Mancha, Valencia, Catalunya e A Rioxa.

No caso de Castela-A Mancha, a súa poboación deberá pagar en suplementos uns 12,3 millóns de euros, 3,9 na Comunidade Valenciana, 142.000 euros en Catalunya e 16.500 euros na Rioxa. De momento a creación destes suplementos dáse nas Comunidades sobre as que a Administración Central ten toda a información requirida, mais xa advirte que chegará a todas as Comunidades con impostos propios á actividade eléctrica.

Cumpre lembrar que no caso de Galiza hai diferentes impostos autonómicos, con diversa xustificación, e só un deles, o canon eólico, no ano 2013 supuxo 23 millóns de euros e agora, de aplicarse esta medida, teriámolos que pagar entre todos os galegos e galegas cun novo suplemento territorial da electricidade.

É evidente que onde non hai actividade eléctrica non haberá impostos autonómicos, e onde a actividade sexa moi cativa o recadado tamén serán cantidades pequenas, máis onde esta actividade ten importancia (caso de Galiza) a recadación será maior e a conclusión é fácil, rematarán pagando máis onde se produce e se exporta que onde apenas se produce e se consume.

Mais, quen dixo que non se podía pagar de xeito diferente segundo onde se vivise?, existe realmente tarifa única no Estado?, pois non.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza (08-02-2017)