Opinión

A compostaxe é un futuro que xa é presente

21-10-compost-orix

A compostaxe é un futuro que xa é presente. Na provincia de Pontevedra o grupo provincial do BNG botou a andar o Plan Compost Revitaliza hai máis dun ano e, da man dos técnicos, e aprendidos das experiencias desenvolvidas en Europa, Cataluña, País Vasco, Navarra... chegouse a unha fórmula que xa está a dar os seus primeiros froitos con éxito. Vinte e tres concellos da provincia veñen de instalar composteiros comunitarios que demostraron que a compostaxe é factible e supón unha alternativa máis económica e ecolóxica ao tratamento dos residuos urbanos que impera a día de hoxe.

Os concellos partícipes na fase de sensibilización e de experiencias piloto postas en marcha pola Deputación de Pontevedra –de todo signo político- están amplamente satisfeitos do resultado, xa que os centros de compostaxe están funcionando mellor do previsto con cero incidencias e unha moi ampla acollida da veciñanza. Agora toca dar o salto: impulsar a segunda fase para que a compostaxe se aplique como sistema de xestión de lixo de xeito sistemático e global. É preciso que os residuos orgánicos municipais, que son máis do 50% en cada bolsa do lixo, non anden a pasear polo país adiante, que non vaian a Sogama e se composten in situ alí onde se xeran.

O que era un problema, a eliminación dos residuos, pode converterse nunha oportunidade: xerar compost. A clave do Plan Revitaliza para que o sistema funcione é descentralizar o tratamento e, onde sexa posible a compostaxe no propio domicilio, repartir composteiros individuais; onde non se poida ir pola vía individual, apostar polos composteiros comunitarios; e, onde a densidade de poboación sexa tan elevada que non haxa alternativa, habilitar unha planta de compostaxe máis tecnificada. Así o aforro é considerable: non se gasta en transporte e redúcese o custe de tratamento. En números, na provincia de Pontevedra tratar cada tonelada de lixo custa aos concellos 191 euros, dos que o transporte supón un 65% e o resto a taxa de Sogama. Cos composteiros comunitarios e individuais o gasto redúcese practicamente redúcese a cero.

A maior parte dos concellos pontevedreses e galegos teñen servizos de recollida e tratamento de lixo deficitarios -en máis dun 50% con respecto ao que ingresan pola taxa do lixo- e hai obrigas da lexislación europea que marcan o 2020 como data límite para aumentar as cifras de residuos que se preparan para reciclar. Con esta situación a aposta do BNG por impulsar a compostaxe dentro do programa de goberno provincial foi todo un acerto. Detectouse unha necesidade e estase a poñer sobre a mesa unha solución para o país.

A Deputación de Pontevedra irá coa compostaxe da man dos gobernos locais, sendo consciente de que foron os elixidos directamente pola veciñanza, respectando a súa autonomía, pero ofertando o Plan Revitaliza como una proposta técnica seria e solvente para o lixo: unha aposta polo medio ambiente e polo saneamento económico municipal, unha aposta de futuro que está tomando corpo no presente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG