Se quedaba algunha dúbida de como as gasta a xustiza española, coa liberación dos violadores agardo que todo fique claro. Seguramente sexa inxusto xeneralizar e falar da Xustiza sen matices. Incluso eu podo dicir o nome de dúas ou tres xuízas feministas (xuíces creo que non) que aplican a súa mirada non só aos asuntos de “mulleres” senón tamén a todas as sentenzas que ditan.
O feminismo é imprescindible para que as sentenzas sexan xustas, trátese de violencia, trátese dun conflito laboral ou de calquera outra cuestión mundana que se amorea na mesa dun xulgado. Se unha sentenza non é feminista, automaticamente é machista, sen ambaxes. Non existe o espazo de confort que acolle falsos puntos medios que agochan o machismo dos covardes . Ou arre, ou xo. Pero sacando esas minúsculas excepcións, penso que a Xustiza española obedece un mandato que nos atravesa desde o principio dos tempos, e non é outro que exercer como gardián das esencias da orde moral patriarcal, e abofé que están a cumprir.
O ambiente ultracatólico e conservador onde se forman, e as sagas familiares que xa noutrora pertencían as elites poderosas, fai moi difícil que avance o feminismo na xustiza española e, polo tanto, acadar a xustiza verdadeira, a que entende que sempre que se xulga a unha muller, parte dunha posición de discriminación polo propio deseño social. É o caldo de cultivo sobre o que agroman esas miles de páxinas das sentenzas nas que empatizan cos violadores e xulgan ás vítimas.
Rita Segato defende que os violadores son moralizadores, son a infantería do patriarcado para castigar ás mulleres que desafían a orde establecida, que camiñan soas de noite, que festexan o San Fermín sen límites, sen vergoña; en definitiva, que saen do espazo de «seguridade» que nos asignan.
Violador de noite e garda civil de día, para protexeren ás mulleres «obedientes» doutros violadores coma eles. Un violador non viola para saciar o seu desexo sexual, non busca pracer carnal compartido, non goza dese sexo como tal. Faino exclusivamente para moralizar. A súa exaculación é directamente proporcional ao grao de sometemento. Viola para manter a orde, advertindo ás mulleres, a todas, que saír do rego ten consecuencias. Por iso aparecen fachendosos ante nós, sen rastro de arrepentimento. Os violadores fan o traballo sucio e a Xustiza machista mételle unha lavada para consumo da fracción da poboación, tamén machista, que busca argumentos lustrosos, e seguir así a defender a orde milenaria patriarcal. Os vocábulos legais soben o prestixio nos faladoiros radiofónicos, e a sacrosanta consigna de non poñer en cuestión as sentenzas, arranca como unha trituradora. Se fora obrigatorio ser feminista para ingresar no sistema xudicial, as sentenzas estarían cargadas de máis sentido común. O feminismo é a defensa a radical dos dereitos humanos e é incompatible coa cosmovisión opresora.
En definitiva, vivimos baixo un burka xudicial que nin nos deixa os ollos á vista, con sentenzas que non consideran violación feitos que os propios agresores denominan como tal, utilizando produtos químicos que adormezan, non vai ser que a moza saiba defenderse e lles parta o pescozo. Hai que tomar precaucións, violar sen arriscar. «E trae Rohipnol dabondo, que despois queremos violar todos».
Isto é un estilo de ocio, que nin o inventaron eles, nin era a primeira vez, nin son os únicos, e o que fixeron no Tribunal foi mandar o recado ás familias con fillas, e ás mulleres en xeral, de que as cousas seguen a ser como teñen que ser, vomitando patriarcado alleos á inmensa presión social. Pero non lles afecta. Son independentes. Independentes e con chularía. Véñense arriba advertindo que canto máis berremos máis imos levar. Xa son dous de tres. Se houbera que volver resolver, poderían acadar pleno.
Imaxinen que está a pasar nos xulgados, se non tes a sorte de que che toque unha xuíza (ou xuíz?) feminista. Casos sen repercusión, que acontecen no privado da sala, cun avogado de oficio sen formación, e cunha muller soa, sen vídeos, sen fotos, sen nada. Imaxinen.
Pero aquí está o estado español coa súa xustiza, (que esa si que hai que comela con patacas), garante da unidade e do patriarcado, acompañada de “peñas” que pagan fianzas, veciños celebrando o regreso e ruído mediato para ver quen é o primeiro que consigue unha entrevista en exclusiva. Un burka a medida.
Poucas culturas poden dicir que teñen como máxima referente cultural a unha muller feminista. Nisto, as galegas e os galegos partimos con vantaxe. En 1880, Rosalía xa describe maxistralmente, no poema A Xustiza pola man, o sentir que nos atenaza. Se o publicara hoxe probablemente estaría na cadea, compartindo espazo con rapeiros e outros poetas. Esta circunstancia non é menor, Rosalía marcou un camiño para nos organizar e non aceptar o silencio. Feminismo organizado para avanzar.
Están tan cegos que non saben que acaban de botarlle gasolina á fogueira. O feminismo ten que ser o facho de luz que nos faga avanzar nesta mole que é a xustiza, pero tamén na política, no traballo, no deporte, na cultura. Xa poucos terán dúbidas que sen loita feminista non hai decencia. Agora están na rúa, sacáronos eles. O feminismo agárdaos, e imos vencer.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28 de xuño de 2018.