Opinión

Nin putas, nin santas, nin grandes

Campaña 25n Xunta
Campaña 25n Xunta

Sabemos o difícil que é pensar unha campaña institucional. Tamén sabemos que os carteis non eliminan os asasinatos, os golpes, as violacións, os acosos sexuais, as agresións, os insultos, as risiñas, os chistes, as miradas condescendentes, as palmadiñas, os toquetos, as burlas, as tiranías impostas, os sorrisos forzados, o agrado como meta. As campañas forman parte do ritual do 25 de novembro e corren o risco de converterse nunha liturxia máis. Un lema, unha imaxe, un lazo morado, algunha proclama ben intencionada, artigos nos xornais e o 26 será outro día.

A polémica sobre a campaña institucional do goberno galego para min non é unha cuestión de gustos. De se está mellor ou peor esteticamente. É unha cuestión de mensaxe. Que se transmite e para que. Até agora vimos campañas dirixidas a fortalecer ás vítimas para que denuncien, campañas que interpelan aos homes poñendo en cuestión a súa masculinidade baseada no control e o dominio, que se dirixen á sociedade para que non sexa indiferente ou campañas arriscadas que animan a denunciar  os acosos e as agresións. Unhas poderán estar máis acertadas, outras menos, pero entendemos que a súa finalidade é atacar algún dos moitos aspectos da violencia de xénero.

Pola contra, ao ver o cartel deste ano e ler o lema eu sentín algo na pel. Creo que nos pasou a moitas. De súpeto o radar cutáneo que desenvólvemos durante séculos de discriminacións e agresións actívase. Ese malestar inicial vaise transmitindo ao cerebro e comezas a pensar, que pasa aquí. Porque o efecto que consegue é o contrario ao que se lle podía supoñer a unha campaña para eliminar a violencia machista.

En primeiro lugar, é moi evidente que as mulleres son cousificadas e tratadas como un obxecto. Facede a proba con calquera que aínda non o vira, eu puxen o cartel nunha clase e a resposta  do alumnado foi inmediata. En segundo lugar, a violencia queda diluída na palabra maltrato, iso até podemos entendelo por moi pasado que este o termo.

Mais o que nos desacouga, ao pouco nos incomoda, a medida que pasa o tempo nos vai enfadando e, xa logo de darlle voltas e voltas, resulta insoportábel é o tratamento da violencia machista. Nun  estado onde en trece anos foron asasinadas 830 mulleres, aumentou a violencia entre a mocidade un 22% ou cada oito horas unha mulleres é violada pode que o último que  deba facer unha voz en terceira persoa é pregoar que o “máis grande non se maltrata”.

Primeiro porque a violencia machista non é unha lacra social. Non é unha bacteria que se expande porque facemos un mal uso dos antibióticos, nin piollos que saltan de cabeza a cabeza nunha especie de praga. A violencia é froito dunha sociedade desigual onde a violencia cumpre o seu papel. Limita a liberdade das mulleres. A violencia machista é unha inxustiza social que nace e crece nun sistema de discriminación. Mais, por moi estrutural que sexa a violencia machista, as estruturas non matan. Matan homes dotados de razón e con facultades mentais plenas. Homes que viven nunha sociedade acostumada a quitar valor a todo o feminino . Pensemos nas profesións feminizadas, no traballo doméstico ou nos coidados en xeral, cal é o seu valor social.

Mistificar non é valorar. No altar están as santas, as mulleres de carne e oso pretenden camiñar tranquilas pola rúa. Como afirma a filósofa Celia Amorós, as mulleres sempre fomos heterodesignadas, isto é, que outros nos definiron. As escrituras, os curas, os filósofos, os médicos, os xuristas, os artistas, os escritores e un longo etcétera. E sempre o fixeron en termos como o sexo débil, o útero fértil,  a perfecta casada, o anxo do fogar, a femme fatal, a orixe da tentación. Non necesitamos que se nos compare con monumentos, nin que se nos trate como gardiáns dos valores patrimoniais de ningún país ou concello. O noso reto é crear unha nova retórica de valor. Que as limpadoras cobren igual que os limpacristais e así non inventar categorías diferenciadas para perpetuar a fenda salarial, por poñer un exemplo.

As mulleres somos altas, baixas, gordas, fracas, grandes, pequenas, malas, boas, aburridas, divertidas, listas, parvas, áxiles, toupas, lesbianas, heteros, ricas, e máis pobres que os homes en xeral, vamos, que por ser, somos  tan diversas e distintas como adxectivos se nos ocorran. O valor da dignidade humana non é outorgado nun cartel ao estilo da exaltación das festas populares. Nace da mirada consciente de que a Outra é radicalmente libre e igual. Polo tanto,  portadora da súa voz.

Só queremos falar por nós mesmas. Ser escoitadas,  recoñecidas e respectadas nas nosas palabras. A cuestión é de  liberdade, non de tamaño.

 

Artigo publicado en Praza Pública o 15 de novembro de 2017.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG