Opinión

Meirás, por fin en mans da Xustiza

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Para entender as claves da demanda presentada pola Avogacía do Estado co fin de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público debemos remontarnos a dous veráns atrás, cando a Fundación Franco anunciaba a xestión das visitas a ese ben, obsequiándonos para a ocasión cunha verborrea de apoloxía franquista.

A nova provocación dos Franco tería daquela, e por primeira vez, unha decidida resposta institucional. Naquel agosto de 2017 a vicepresidenta da Deputación provincial anunciaba a constitución dunha Xunta Pro Devolución que instaría a ilegalización da fundación franquista e traballaría nunha estratexia histórica-xurídica para a recuperación do Pazo a custe cero para as arcas públicas.

Daquela o volume Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, realizado polo historiador Manuel Pérez Lorenzo e un servidor, era aínda un borrador pendente de impresión. Foi Goretti Sanmartín quen pediunos que aportaramos ese borrador xunto aos documentos históricos que nos serviron para reconstruir o proceso do espolio. Este material foi remitido ao profesor de Dereito administrativo Xavier Ferreira, quen non tardou en dar coa chave do asunto. O Pazo de Meirás fora adquirido a Manuela Esteban Collantes pola Junta Pro Pazo en 1938 e escriturado ante notario. Venta que se volve a realizar en fraude de Lei en 1941 entre a quen xa non era propietaria e Franco. Completaría o informe outro histórico redactado polos historiadores Emilio Grandío e o propio Manuel Pérez Lorenzo.

Despois virá a publicación do volume sobre Meirás, a constitución da comisión de expertos por parte do Parlamento galego e a unanimidade das forzas políticas galegas. O Pazo de Meirás chegou a mans de Franco de xeito irregular, mantívose desde as administracións públicas e tivo a consideración de residencia oficial onde se celebraban consellos de ministros e actos públicos. Non había dúbida do carácter público do Pazo de Meirás.

En febreiro deste ano recibín a chamada do director xeral para a Memória, Fernando Martínez, e celebramos unha reunión na sede do Ministerio de Xustiza o día 20, onde interesouse polas fontes documentais coas que traballabamos. Acordamos poñelas a disposición da Avogacía do Estado xunto coa nosa colaboración.

Onte ese inxente traballo -tamén da Avogacía do Estado- daba un paso fundamental. Confiemos agora que a Xustiza faga honra ao seu nome.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 12 de xullo de 2019.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG