Opinión

Queremos outra Europa

Hai dous anos, nos concellos nacionalistas de todo o país, arriamos a bandeira da Unión Europea en protesta pola incapacidade política e a insensibilidade das elites da UE diante da situación dos refuxiados e os inmigrantes nas fronteiras de Europa. Neste asunto e noutros -a laminación de dereitos para as maiorías, o deterioro das condicións de vida das clases populares, a imposición legal do pagamento da crise ás vítimas mentres se rescataba aos culpábeis- a UE mostrou a súa verdadeira faciana, a que explica porque no BNG levamos, desde o comezo, sendo críticos e contrarios a esta Europa neoliberal.

Deixémonos de ambivalencias. A UE naceu coma un mercado e nunca quixo ser outra cousa. Careceu e carece de proxecto social e democrático. E aí segue, como unha macroestrutura ao servizo do grande capital,  que está a impoñer desde hai décadas un modelo social e económico contrario aos intereses das maiorías e que ten no euro o cadeado das súas políticas. Esta UE, dixémolo sempre, a nós non nos vale. Porque anima os procesos de privatización ao tempo que desmantela os sectores produtivos e fai máis periférica á periferia. Porque aumenta o control sobre as economías dos Estados, eliminando na práctica a soberanía política. Porque promove o desinvestimento, a débeda, a desindustrialización e o abandono dos servizos públicos. Porque nega o dereito dos pobos a poderen decidir sobre si mesmas. Porque nela goberna o diñeiro e obedece a política, e a vontade popular está presa dos ditados dos poderes económicos. 

Desculpen, mais non hai moito que celebrar. Se dixera que si… conformidade, admiración. / Se dixera que si / entón sería o intre / de falar seriamente / da batalla de flores / nas festas do patrón. / Pero non. Permítanme que parafrasee uns versos da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro para deixar claro que esta Europa que se pariu en Roma hai 60 anos non é unha festa popular e democrática, senón un festín das elites, cobizosas e insensíbeis diante do sufrimento que causan aquí e acolá.

Nós soñamos outro mundo e outra Europa. Por iso no BNG fomos contrarios á forma en que se fixo a integración do Estado español na CEE, con gravísimos resultados para os nosos sectores produtivos. Por iso nos opuxemos a Maastrich e ao Tratado Constitucional. Por iso traballamos, desde nós, coa vontade decidida de contribuírmos á construción dunha ampla alternativa internacional á globalización neoliberal e as súas estruturas de poder. Desde Galiza e desde Europa –porque sempre fomos europeos, mais nunca fomos eurocéntricos-  cómpre apostar hoxe por un mundo baseado na soberanía dos pobos e nos dereitos das persoas, por un mundo que teña como obxectivo prioritario a xustiza social e a prosperidade, por un mundo en que se abra paso o internacionalismo da fraternidade, da solidariedade, da cooperación e do respecto mutuo como principios básicos das nosas relacións.

Queremos outra Europa. A Europa dos dereitos sociais, da igualdade, das garantías públicas á vida digna, das liberdades democráticas plenas, da diversidade lingüística e cultural, do respecto ao medio ambiente, do dereito ao traballo, da cooperación, da defensa do que é de todos e todas, de preeminencia dos dereitos colectivos sobre o lucro privado. Acreditamos que ese é o camiño do futuro. Outro mundo e outra Europa son posíbeis, mais só recoñecendo que todos os pobos somos iguais e que temos dereito a decidir as nosas políticas, libre e democraticamente, para lograrmos o progreso, a xustiza e o benestar das nosas sociedades. Desde Galiza, como nacionalistas, como internacionalistas, dicimos SI á Europa dos pobos e das persoas que aínda está por construír.

 

Artigo publicado en Eixo Atlántico o 11 de maio de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG